A UDC e Defensa asinan un convenio de colaboración en temas de Xestión do Dato e a Intelixencia Artificial
martes, 7 de marzo do 2023
O reitor da
Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o Almirante Xefe do Arsenal de
Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz, en representación do Ministerio de Defensa, por
delegación da Ministra de Defensa, asinaron
onte un convenio de colaboración en temas de Xestión do Dato e a Intelixencia
Artificial que recolle que o proxecto de creación da Cidade das TIC,
impulsado pola Universidade da Coruña, é unha oportunidade máis de colaboración
entre a UDC e a Armada, para intercambiar experiencias e coñecementos nos
campos do convenio. É por isto que ambas institucións consideran adecuada e
desexable unha colaboración neste ámbito. O acordo, cunha vixencia de catro
anos, é un convenio marco que se concretará en futuros acordos específicos.
Segundo explicou
o reitor, este é “un convenio para traballar conxuntamente en actividades
vinculadas á aplicación da IA e a Xestión do Dato desde o punto de vista de
investigación, aplicación e formación a través da Cidade das TIC e da Escola de
Especialidades Antonio de Escaño de Ferrol e o Centro de Intelixencia da Armada
en Marín”. Nalgunhas actividades a UDC xa está a traballar conxuntamente coa
Escola de Especialidades Antonio Escaño de Ferrol para dar formación en temas
de big data e Intelixencia Artificial. Parte destas actividades estanse a
desenvolver, continuou Abalde, no Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia no
que se están a buscar e a aplicar solucións de Intelixencia Artificial e big
data para as fragatas.
