A USC abre o bUSCatermos, unha ferramenta de procuras técnicas que inclúe 135.000 fichas

mércores, 16 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Chega o Día das Letras Galegas e máis o Día de Internet nunha única xornada, a do 17, e algunhas das actividades de conmemoración preparadas semellan estar a medio camiño entre un festexo e outro, collendo un pouco de ambos mundos. Un exemplo disto é o bUSCatermos, unha iniciativa que vén de poñer ó alcance de toda a comunidade internauta a Universidade de Santiago e que consiste nunha ferramenta informática que permite consultar unha base de datos de terminoloxía técnica multilingüe. Esta base de datos, que fica aberta até finais de maio, “está formada a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios e vocabulario técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo”, explica a USC.
O eixe arredor do que xira a ferramenta é a lingua galega, pero tamén abrangue termos en castelán, inglés, portugués, francés, italiano, alemán e catalán. En total, son preto de 135.000 fichas terminolóxicas que remiten ao seu usuario a un fondo de máis de 313.500 termos nos idiomas descritos.

PUBLICIDADE