A USC e Google presentan este martes os detalles do seu acordo bibliográfico-virtual

luns, 9 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O coñecemento busca ao coñecemento. Este é en certa maneira unha das grandes respostas ao porqué do medre constante da Rede con material bibliográfico de moi variada índole e que xa existía antes dela, razón á que podemos engadir outra de moito peso: na Internet os libros están accesibles as 24 horas e dende calquera parte. Traballar nesta preparación das plataformas dixitais como un paso a prol da universalización da cultura é un dos grandes obxectivos do proxecto que se presenta este martes na Universidade de Santiago: a dixitalización, pola vía do Google Books, de boa parte dos fondos editoriais da institución educativa.
A iniciativa, posible grazas a un acordo recente entre a USC e a multinacional do buscador en liña, permitirá entre outras a divulgación total dunha salientable escolma de libros. Por certo que o acordo e os seus detalles, que afectará nunha primeira quenda a preto de 1.000 volumes, serán dados a coñecer en rolda de prensa no Colexio de Fonseca a partir das 11.30 horas.
No acto farán acto de presenza o vicerreitor de Cultura, Elias Torres e o responsable de Google Busca de Libros, Luis Collado. Segundo informa a USC, os títulos envorcados na Rede respectarán a protección dos dereitos legais ao permitir amosar unicamente un máximo do 20%.

PUBLICIDADE