A USC formará ao alumnado en habilitades de comunicación dixital

mércores, 21 de febreiro do 2024 S. P.

Estudantes empregando dispositivos tecnolóxicos nunha foto de Santi Alvite (USC)

A Universidade de Santiago lanzou unha nova edición do curso de Habilidades comunicativas a través do seu servizo de Normalización Lingüística. Esta é unha actividade formativa dividida en tres módulos que poden cursarse de xeito independente, o terceiro dos cales pon o foco na comunicación dixital e en como expresarnos en galego, dun xeito correcto, a través destas canles. Cada un deles consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións.
O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma corporativa Teams, celebrarase ao longo deste segundo cuadrimestre do curso 2022-24 e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus. Os tres módulos que se ofertan son redacción científica, falar en público e presentacións dixitais eficientes.
A redacción científica (módulo 1)
O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita. Diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de mestrado, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. A matrícula permanecerá aberta os días 22 e 23 de febreiro.
Falar en público (módulo 2)
O alumnado da Universidade, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. Este módulo ormará nas ferramentas precisas para abordar a defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, ou a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa, entre outros. A matrícula estará aberta os días 14 e 15 de marzo.
Presentacións dixitais eficientes (módulo 3)
As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, “pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento”, explican dende Normalización Lingüística. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias. Preténdese que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula poderá formalizarse os días 11 e 12 de abril.

PUBLICIDADE