A USC mostra como loitar contra o plaxio botando man do software Turnitin

mércores, 23 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Cando a información investigadora medra e está máis dispoñíbel que nunca, a copia ilícita dunha información concreta (un traballo, unha proposta, unha contribución científica ou tecnolóxica) non tarda en abrollar. A práctica do plaxio, nestes tempos de vida acelerada e de currículos dubidosos, está máis viva ca nunca. Para poñer ao día á comunidade universitaria sobre xeitos de combatelo, a aula e-Terra da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC acolle esta semana (onte e hoxe) a actividade formativa Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin. O obradoiro está destinado a profesorado da USC en Lugo que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, e que posúa a licenza para o manexo desta ferramenta.
Búscase que os participantes tomen conciencia “do problema ético e metodolóxico que supón o plaxio” e que aprendan a manexar o software Turnitin, que ten a capacidade para revisar documentos na procura de contidos non orixinais. O curso, impartido polo profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, José Raúl Canay Pazos, está a achegar recursos de utilidade a corenta e cinco docentes do Campus Terra. O alumnado divídese en tres quendas: aos quince que serán formados o 22 e 23 de maio, hai que sumar os trinta restantes que recibirán formación o 5 e 6 de xuño, quince en quenda de mañá e quince en quenda de tarde.
A actividade formativa responde a cuestións como que é o plaxio (identificando as súas causas), así como procedementos de detección e prevención; e amosa como se xestiona a conta deste software, entre outros contidos que se reparten ao longo de doce horas, seis das cales realízanse a través do campus virtual, mentres que as outras seis son presenciais.
A USC engade que dende marzo deste ano, posúe xa 2.000 licenzas da ferramenta antiplaxio Turnitin, das cales 340 pertencen a docentes do Campus Terra.

PUBLICIDADE