A USC traballará en tres proxectos europeos para revolucionar o ensino por medio das TIC

martes, 31 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Estudantes de Xornalismo da USC nunha foto de Santi Alvite

A Universidade de Santiago vai buscar novas posibilidades docentes, divulgadoras e investigadoras nas tecnoloxías dixitais. Con este fin, acadou na convocatoria da Comisión Europea a adxudicación de tres proxectos que contarán cun orzamento que supera o millón e medio de euros para a súa execución a través de Tecnoeduc (grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa) da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Relacións Exteriores. As tres iniciativas teñen o nexo común de abordar a investigación docente a través das TIC. Farano incidindo cada unha sobre diferentes treitos do proceso educativo: dende a escola até a educación superior.
Segundo explica a USC, o proxecto máis destacado, cunha dotación de case un millón de euros para a súa execución, é Educational Knowledge Transfer (EKT), consorcio de alianzas que coordinará a USC e no que participan tamén outras institucións de España, Austria, Irlanda, Portugal, Bélxica e Reino Unido. EKT traballará durante tres anos na “creación de métodoloxías colaborativas educativas baseadas en contornas dixitais”, explica a USC, engadindo que o seu obxectivo é involucrar a membros de tres eixos: centros educativos (colexios e profesores), universidades (facultades de educación e investigadores), e empresas e institucións tecnolóxicas (as que brindan servizos de aprendizaxe a distancia, ou sexa e-learning). EKT ten no seu puto de mira a reforma da educación e da profesión docente, achegando carácter práctico a diferentes tecnoloxías e facendo que sexan converxentes entre si, “converténdose en interoperábeis”. Os días 21 e 22 de xaneiro a USC acollerá a reunión de posta en marcha desta iniciativa.
Outro dos proxectos coordinados tamén pola USC é Schools for 21st century (Escolas para o século XXI), que persegue “promover a igualdade de oportunidades mediante o uso de tecnoloxías accesíbeis e de baixo custe nas escolas e explorar metodoloxías innovadoras de ensino-aprendizaxe que impliquen o desenvolvemento integrado de habilidades clave para século XXI como o pensamento crítico, a capacidade de toma de decisións, a comunicación e a responsabilidade social. Os principais obxectivos desta iniciativa, de dous anos de duración, son “implementar estratexias de alfabetización dixital e mediática a través da aprendizaxe colaborativa das escolas participantes”.
O terceiro proxecto, DLAB2, no que a USC participará como socia, está coordinado pola Professionshojskolen University College Nordjyllnad (Dinamarca), e busca poñer o foco no potencial de transformación e innovación de tecnoloxías emerxentes como a Realidade Virtual (VR polas súas siglas en inglés) e a Realidade Aumentada (AR). O laboratorio DLAB2, que terá unha duración de tres anos, diríxese a derrubar diversas barreiras físicas, persoais e ambientais por medio da tecnoloxía como soporte para o traballo en equipos internacionais.