A UVigo, a UDC e o CATEC preparan o terreo para usar drons no mantemento dos parques eólicos mariños

xoves, 23 de febreiro do 2023 S. P.

Co fin de empregar drons en operacións de mantemento de parques eólicos situados no mar, nacía o pasado mes de novembro o proxecto Eagle. Detrás deste traballo está un equipo con sede na Universidade de Vigo e con colaboración da Universidade da Coruña e do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC). Trátase dunha dixitalización do espazo aéreo e mariño para o despregue de sistemas aéreos non tripulados aplicados ao mantemento de parques eólicos offshore.
Esta idea está financiada polo programa de Transición Ecolóxica e Dixital (TED) do Ministerio de Ciencia e Innovación e a súa coordinación recae en Higinio González e Elena Martín, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e membros do novo Instituto de Física e Ciencia Aeroespacial do campus de Ourense. A participación da Universidade da Coruña está liderada polo investigador Marcos Míguez e a do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC), da Fundación Andaluza para el Desarrollo Aeroespacial, por Antidio Viguria. O proxecto desenvolverase deica novembro de 2024.
Cómpre sinalar que a produción de enerxía eólica nos parques situados no mar, detallan dende a organización de Eagle, “tense multiplicado exponencialmente no último lustro e prevese que se siga incrementando durante os vindeiros anos, para contribuír tamén a alcanzar os obxectivos climáticos e de descarbonización da produción eléctrica”. Neste eido, engaden, “Galicia é unha comunidade autónoma que presenta gran potencial”.
O Pacto Verde Europeo, comenta o equipo do proxecto, “transformará a UE nunha economía competitiva e eficiente no uso de recursos para deter o cambio climático e a degradación do medio ambiente” e “o cumprimento de ambiciosos obxectivos como a eliminación das emisións netas de gases de efecto invernadoiro para 2050 e o crecemento económico desvinculado do uso de recursos naturais, require, entre outros, aumentar as instalacións de enerxía eólica mariña dos 12 GW instalados ata 2020 a 300 GW en 2050”. Para poder lograr este reto, apuntan, “a enerxía eólica offshore debe continuar mellorando e reducindo os seus elevados custos de operación e mantemento, xerados principalmente polas condicións ambientais complexas, e en ocasións hostís, do mar”.
Dende o proxecto Eagle engaden que, “o mantemento é unha das operacións máis custosas na explotación das infraestruturas eólicas offshore e as aeronaves non tripuladas poden contribuír á inspección da infraestrutura e á realización de operacións de tipo loxístico”. As vantaxes do uso de drons neste senso son: a rapidez de despregamento, a seguridade ao evitar usar operarios en altura, a facilidade de dixitalización de certas accións e a accesibilidade para persoas de mobilidade reducida. Asemade, tamén achega certas complexidades como por exemplo a dificultade de aterraxe e despegue autónomo sobre plataformas flotantes e o voo na proximidade ou en contacto cunha estrutura.