A UVigo e o Concello de Ourense fortalecen a colaboración ao abeiro do futuro Centro de IA
mércores, 18 de setembro do 2019
A
Universidade de Vigo e o Concello de Ourense reuníronse hoxe para
facer avanzar no Campus local a formación máis avanzada: a máis
directamente ligada ás tecnoloxías intelixentes e as súas
capacidades para impulsar a industria, a sanidade, as comunicacións
e o coñecemento. Na
xuntanza, na que participaron Gonzazo Pérez Jácome (alcalde) e
Manuel Reigosa (reitor), tratouse a fondo a cuestión do vindeiro
Centro de Intelixencia Artificial con sede na cidade das Burgas,
un proxecto arredor do cal haberá “unha cooperación clara”
entre ámbalas entidades.
O
proxecto, impulsado polo Concello, tamén será a base dunha nova
reunión vindeira, na que van participar o alcalde e o director da
Escola Superior de Enxeñaría Informática. Reigosa cualificou o
Centro como “un proxecto de cidade moi interesante, que pode
rexenerar moitas sinerxías coa nosa Escola de Informática, polo que
estamos dispostos a apoiar o proxecto e esperamos que sexa un éxito
para a cidade, para a cidadanía e para as dúas institucións”,
sinalou o reitor.
O
centro de IA, tal e como fixemos saber este verán, terá o seu
centro de operacións primeiro nunha das sedes principais de Abanca
en Ourense. Será, en palabras da Administración local, “un
referente de innovación que situará a cidade na vangarda mundial da
Intelixencia Artificial”. A intención do Goberno de Pérez Jácome
é dotar ao centro dun emprazamento definitivo e específico, unha
vez que colla impulso nas dependencias de Abanca.