A UVigo implícase nun proxecto para impulsar a IA no leste de África

martes, 7 de febreiro do 2023 S. P.

A illa de Zanzibar acolle esta semana a xuntanza de lanzamento dun proxecto destinado a iniciar, con tecnoloxías IA e IoT, a transformación da vertente leste do continente africano. Chámase CBHE Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa e trátase dunha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo concreto “impulsar a Intelixencia Artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro”. A Universidade de Vigo é un das 31 participantes nesta iniciativa, que reúne tanto universidades como empresas de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia.
Con tres anos de duración e coordinado pola Artesis Plantjin Hogeschool de Amberes, a representación da UVigo neste proxecto corre a cargo da directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os profesores Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro AtlantTIC.
Segundo explican, o proxecto nace “nun contexto de revolución tecnolóxica no que dúas grandes tendencias están cambiando o mundo”. Por unha banda a Internet das Cousas (IoT) e, pola outra, a Intelixencia Artificial (IA). Como explican os impulsores desta iniciativa, “mentres a IoT produce datos de sensores, a IA axudará a interpretar estes datos de maneira comprensíbel e a tomar decisións semiautomáticas para controlar certos procesos físicos”.
Neste senso, a finalidade de CBHE Ahumain é “lograr que as empresas máis grandes de África adopten a IA para os seus procesos comerciais”. Por este motivo, indican os investigadores da UVigo, será necesario crear un “ecosistema de IA que reduza os seus custes de desenvolvemento, axude a crear aplicacións de IA adaptadas ás necesidades locais e reduza a súa dependencia de empresas estranxeiras”. Ademais, engaden, un ecosistema africano de IA podería posicionarse “como un socio atractivo para os xigantes dixitais globais desexosos de entrar no mercado africano”.
Para convertelo en realidade, os socios de Ahumain traballarán no deseño dun plan de estudos consistente con diferentes especializacións e adaptado á situación de África oriental que conduza a unha nova xeración de enxeñeiras e enxeñeiros híbridos cun coñecemento profundo dos diferentes aspectos e que sexan quen de conectar todas as partes implicadas a “un sistema útil e comercialmente viábel”. Ao mesmo tempo, tamén se traballará en aplicacións da vida real de IA, implementación operativa e casos de negocios, para rachar coa teoría e dar paso a aplicacións prácticas.
O papel da Universidade de Vigo, como explica Manuel Fernández Veiga, é colaborar na definición dos cursos e contidos formativos en AI e ciencia de datos, adaptados ás necesidades socio-económicas da rexión. “Os cursos son competenciais e buscan preparar profesionais capaces de desenvolver aplicacións de AI/DS en agricultura, pequenas empresas, etc. orientadas á resolución de problemas de ámbito social como agricultura de precisión, saúde primaria, clima ou sustentabilidade dos recursos”. Ademais, a UVigo é responsábel dun paquete de traballo dedicado á formación de formadores, é dicir, á preparación metodolóxica de persoas que vaian impartir eses cursos na rexión”. Para isto, artellarase unha visita das delegacións de Uganda e Tanzania a Vigo en 2024, onde asistirán a seminarios específicos tanto técnicos como de métodos e enfoques de ensino sobre estas tecnoloxías, con vistas a implantalas de forma efectiva nos currículos das universidades e os centros participantes.
A xuntanza de arranque do proxecto arrancou este luns 6 de febreiro e estenderase ata o sábado na illa de Zanzíbar, en Tanzania. Esta reunión, explican dende a UVigo, “marca o inicio operativo, administrativo e xerencial do proxecto e nela discutiranse, por exemplo, os diferentes paquetes de traballo e as encomendas de cada socio, así como as disposicións orzamentarias e as garantías de calidade ou as ferramentas cooperativas en liña”.

PUBLICIDADE