A WWDC21 amosa numerosas novidades do software para os produtos de Apple

luns, 7 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O evento para desenvolvedores de Apple, a WWDC21, comezou hoxe de xeito virtual cunha presentación na que deron conta de numerosas ferramentas para a creación de aplicacións así como das vindeiras versións dos sistemas operativos para os produtos de Apple que chegarán oficialmente tras o verán e das que sabemos interesantes detalles que deixan claro que a compañía de Cupertino mantén o seu rumbo ben definido, o que probablemente non agrade a moitos que agardaban os novos iPad Pro con procesador M1 fixesen un achegamento aos Mac.
Aínda que non resulte especialmente mediático, un dos grandes anuncios da xornada foi o de Xcode Cloud, servizo que achega ferramentas para a creación, proba e publicación de aplicacións tirando proveito da nube, conseguindo unha maior produtividade tanto para desenvolvedores individuais como para equipos. Tamén resultaron de interese anuncios como novos xeitos de empregar a App Store para promover aplicacións, que van dende a publicidade de eventos até a posibilidade de que a ficha dunha aplicación destaque diferentes prestacións en función do usuario.
No ámbito da realidade aumentada continúan os avances, pero non como un kit de desenvolvemento para un futuro casco de realidade aumentada, senón simplemente con novas prestacións como a función de Object Capture que integra o RealityKit 2 que permite que os desenvolvedores poidan crear modelos 3D fotorealistas en poucos minutos valéndose de fotografías, para o seu uso posterior en realidade aumentada ou calquera outra creación tridimensional.

iOS 15

Se miramos ás novidades que recibirá o iPhone a primeiros do outono temos numerosas melloras e funcionalidades que recibirá FaceTime, sistema chamadas de Apple que facilita conversas en grupo, aproveita o son espacial para que percibamos que a voz dunha persoa chega do lugar que ocupa en pantalla, facilita a sincronización de reprodución de contidos (musicais ou audiovisuais) durante unha chamada, pode desenfocar o fondo durante unha videochamada e, como unha das principais novidades tería a posibilidade de xerar ligazóns a unha conversa, de xeito que outras persoas poderían unirse dende un navegador web de ordenador ou móbil (incluso dende Windows e Android) abrindo así FaceTime a moitos máis usuarios.
Con Focus en iOS tamén teremos un interesante xeito de xestionar as notificacións, definindo escenarios para que se silencien as notificacións que non desexemos neses momento, o que permite reducir as distraccións durante o traballo ou simplemente facilita a desconexión antes de ir durmir.
A aplicación de fotografías tamén mellorará substancialmente, no que semella unha táctica para aproveitar o momento que está a vivir Google Fotos. Basicamente incorporan funcións de intelixencia artificial para organizar as fotografías e interpretar os seus contidos (incluíndo a lectura dos seus textos) para facilitar logo a súa localización, e tamén melloran o xeito de amosar as nosas lembranzas podendo incluso integrar tal experiencia con Apple Music.
Safari si experimenta un cambio moi importante, xa que o navegador web de Apple será máis doado de manexar cunha man, reducirá o espazo que ocupa en pantalla, agrupará lapelas e incluso aceptará extensións (algo que actualmente só estaba dispoñible para versións de escritorio).
Os mapas de Apple tamén dan un paso adiante, integrando vistas en 3D de máis localizacións e podendo empregar a realidade aumentada para guiarnos na rúa, moi na liña ao que xa ofrece dende hai tempo Google Maps.
Nos EE.UU. tamén será moi importante Apple Wallet, xa que non servirá só para gardar tarxetas bancarias, senón que tamén pode empregarse para gardar chaves dixitais (de vehículos, fogares, oficinas, habitacións de hotel...) e tamén para manter copias dixitais de tarxetas de identificación como carnés de conducir (que terán validez legal nos estados norteamericanos que queiran integrarse na plataforma de Apple).
Outros detalles interesantes é que os sistemas operativos de Apple estrean tradución de texto en vivo (para facilitar o mantemento de conversas en tempo real entre distintos idiomas); o servizo de Busca do que tanto se falou cos AirTags tamén poderá empregarse para localizar o AirPods Pro e os AirPods Max en caso de perdelos; e incluso poderemos ver como Siri se integra en accesorios de terceiros.

iPadOS 15

O soño de ver como un iPad Pro con M1 correndo aplicacións de macOS non será realidade, pero iso non quere dicir que iPadOS 15 non incluíse melloras moi agardadas, como maior flexibilidade á hora de xestionar o seu funcionamento a pantalla partida, a posibilidade de organizar as aplicacións en categorías e unha maior flexibilidade á hora de colocar os widgets en pantalla.
O iPad, xunto coas novidades propias de iPhone, tamén recibiría unha nova prestación que promete mellorar a produtividade a quen conte con outros equipos de Apple, xa que con Universal Control poderá aproveitarse un único teclado e rato para moverse entre iPad e Mac, podendo incluso arrastrar e soltar contido entre os distintos dispositivos.

macOS Monterey

Universal Control permitirá utilizar un único teclado e rato para manexar varios equipos informáticos e un iPad, podendo incluso arrastrar e soltar contidos entre os equipos

Finalmente a vindeira versión do sistema operativo de escritorio de Apple responderá ao nome de Monterey, incluíndo as melloras antes citadas como Focus, Safari con lapelas agrupables, FaceTime con numerosas melloras, o mencionado Universal Control e tamén unha función moi agradada dende hai tempo (e para a que xa existían aplicacións de terceiros para suplir tal carencia) que consisten en utilizar un Mac como destino de AirPlay (para realizar presentacións ou incluso para empregar o ordenador a xeito de altofalantes).

Outras novidades

Apple realizou moitos outros pequenos anuncios, como melloras na xestión da privacidade, a estrea hoxe mesmo do son Dolby Atmos en Apple Music ou incluso a posibilidade de que os AirPods con cancelación de ruído vaian recibir unha actualización de software que permitirá o seu uso a xeito de audífonos (transmitindo o que captan diante incrementando o seu volume e incluso podendo reducir o ruído ambiental).

PUBLICIDADE