A Xunta achegará as vantaxes da videoconferencia a mozas e mozos de 17 institutos de Pontevedra
martes, 22 de abril do 2008

O máis semellante á comunicación presencial é a día de hoxe a videoconferencia. Trátase polo tanto dun servizo que amplía o camiño polo que viaxa a información, favorecendo todo tipo de experiencias: formativas (educámonos nos contidos e coa canle dos contidos), empresariais (aforramos custos ó non ter que desprazármonos e abrimos mercado) ou institucionais (rómpese o principio de imposibilidade de estar en varios espazos á vez).
O caso é que a videconferencia, tendo en conta o devandito, ten moitas posibilidades na aprendizaxe, e así o entende a Xunta, que vén de presentar na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra un programa didáctico para afianzar o emprego desta tecnoloxía entre os rapaces e rapazas de secundaria.
A campaña, que se servirá dos telecentros da Xunta (na imaxe, o da Fonsagrada) para convertelos en “puntos de referencia dentro de cada concello”, fíxose pública perante representantes de 17 institutos da provincia de Pontevedra. Estes espazos de acceso, nos que se desvelarán os segredos da videoconferencia durante o mes de maio, van encamiñados tamén (en virtude do dito programa) a operar máis ca nunca como “lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego”.
A campaña apóiase así en dous piares fundamentais: no uso dos xogos como porta de entrada á dita tecnoloxía de comunicación e na concorrencia dos telecentros, ós que poderemos acudir nas seguintes localidades galegas: Coruña, Abegondo, Boiro, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo.
