A Xunta colaborará con PuntoGal para monitorizar as buscas en galego na Rede

luns, 25 de maio do 2026 Redacción

A Xunta colaborará coa entidade PuntoGal nun proxecto orientado a analizar a presenza do galego nos resultados de busca en internet e estudar o impacto que teñen os algoritmos dos buscadores sobre as linguas minoritarias. O Consello da Xunta deu luz verde a un convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade xestora do dominio .gal por un importe de 64.000 euros.
O acordo enmárcase nas accións do Pacto pola Lingua relacionadas co ámbito dixital e prevé o apoio ao estudo da evolución das buscas en galego desde 2022, ano no que comezou a detectarse unha perda de visibilidade dos contidos en linguas minoritarias nos buscadores. A iniciativa busca afondar na análise da posición que ocupa o galego na internet e na forma en que os algoritmos condicionan a súa presenza.
A Xunta achegará 30.000 euros ata 2028 para colaborar neste proxecto de monitorización das buscas en galego. O traballo desenvolverase a partir dun sistema de control que permitirá recompilar as 50 primeiras posicións obtidas para diferentes palabras clave desde distintas localizacións xeográficas.
A investigación dá continuidade a un primeiro estudo impulsado por PuntoGal, entidade responsable da xestión do dominio .gal desde 2014, que incluíu un proxecto piloto de seguimento e varias reunións con especialistas en posicionamento web celebradas no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e tamén no marco do Culturgal en Pontevedra.
O convenio contempla ademais a creación dunha base de datos para almacenar a información recollida, a elaboración de informes anuais e a organización de xornadas centradas na optimización das buscas en galego. Tamén se analizará a influencia da intelixencia artificial nos resultados ofrecidos tanto por Google como por outros servizos de procura.