A Xunta de Galicia compromete o seu apoio para crear o dominio .gal

xoves, 2 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Representantes da Asociación Puntogal reunidos co actual presidente da Xunta hai uns meses

Esta mañá unha representación da Asociación PuntoGal conformada polo seu presidente, Manuel González, o vicepresidente, Camilo Regueiro, e o secretario, Daría Janeiro, foi recibida por Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e de Presidencia, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación, quen transmitiron á asociación o apoio da Xunta de Galicia para a creación dun dominio para a lingua e cultura galegas, o .gal.
Dende a Asociación PuntoGal deron conta das xestións que se levaron a cabo a prol da consecución dun dominio galego na Internet, e adiantaron que cara a finais de 2009 agárdase que ICANN publique a guía final na que consten todos os requisitos que deben cumprir as candidaturas para obter o dominio e que esperan poder recibir as primeiras solicitudes no primeiro trimestre do 2010.
A Asociación leva traballando dende 2006 nesta tarefa, e xa conta con numerosos apoios tanto particulares coma de institucións coma colexios profesionais, asociacións culturais, medios de comunicación, universidades, asociacións culturais e empresas.