A Xunta salienta a súa aposta pola especialización dixital de Galicia
xoves, 16 de marzo do 2023- Julián Cerviño nunha instantánea de Mercedes González
A
especialización dixital de Galicia é unha prioridade para Xunta de Galicia
e así se plasma na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG2030), que recolle este
obxectivo como un eixo transversal tal e como resaltou esta mañá o
director da AMTEGA, Julián Cerviño, na
inauguración da Foro APD Tecnoloxía e Negocio.
O responsable da
Axencia autonómica destacou as principais iniciativas que se están a
desenvolver para “implantar as tecnoloxías disruptivas no sector público e en
proxectos de calado para Galicia, como a estratexia GobTech, en colaboración
coas pemes e start-ups galegas; o xemelgo dixital de Galicia, que permitirá
efectuar simulacións e análises preditivos sobre o impacto da acción da
sociedade sobre a contorna; e a sensorización do territorio a través da Rede
Galega de IoT, con capacidade para xestionar ata 300.000 sensores e dar
cobertura a máis do 70% do territorio”.
Julián Cerviño
sinalou que para afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia a EDG2030
asume os retos de impulsar a promoción de talento dixital; fortalecer o
hipersector TIC e favorecer a adopción das tecnoloxías disruptivas polos
distintos sectores para facilitar un
novo modelo produtivo.
O director da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou que para avanzar
nestes obxectivos “a Administración autonómica puxo en marcha os nodos 5G, de
ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público
privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas”. Ademais, Galicia foi das
primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial
que, xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego
sobre o uso desta tecnoloxía, foron factores chave na elección da nosa
Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia
Artificial.