A aplicación de Facebook para Android recibe os artigos instantáneos

mércores, 16 de decembro do 2015 Marcus Fernández

En maio Facebook comezou a experimentar coa integración de artigos de prensa na súa aplicación móbil, nos chamados Instant Articles, buscando así que os usuarios non teñan que deixar a aplicación de Facebook para ler as novas e ofrecendo adicionalmente un formato de contidos atractivo no que as publicación poidan introducir publicidade, de xeito que se consegue un dobre obxectivo: reter aos usuarios na aplicación e evitar o uso de filtros de contido (que están a popularizarse no móbil e bloquean principalmente os anuncios).
Tras meses de experimentación, o produto xa está maduro, e así Facebook decidiu lanzalo masivamente, de xeito que calquera usuario da aplicación para Android pode xa gozar dos artigos instantáneos, que xa están dispoñibles de máis de 350 publicacións de todo o mundo. Este servizo xa estaba dispoñible para iPhone, pero ao chegar a Android supón a súa posta de longo real, xa que son moitos millóns de usuarios os que agora comezarán a gozar dun novo xeito de ler novas dende a Aplicación de Facebook.

Nos artigos instantáneos temos contidos moi cómodos de ler no móbil, con gráficos de grande tamaño que os fan máis atractivos

Cos artigos instantáneos as novas aparecen con gráficos de grande tamaño, vídeos que se reproducen de xeito automático e con textos que aproveitan ao máximo o espazo en pantalla para conseguir unha lectura confortable. Este tipo de contidos poderemos identificalos porque na imaxe en miniatura dos artigos instantáneos aparece unha icona dun lóstrego, indicando así que ese contido non está nunha páxina web externa, senón que pode accederse a el de xeito inmediato.
Os medios españois que contan xa coa posibilidade de ofrecer aos seus seareiros os artigos instantáneos son actualmente Cocina Facilísimo, Diario As, Diario Sport, El Huffington Post, El País, El Mundo, El Periódico, FC Barcelona, La Vanguardia, Manualidades Facilísimo, Marca, Mundo Deportivo e Playground.

Os artigos instantáneos aparecen identificados cunha icona dun lóstrego

PUBLICIDADE