A aplicación galega CreaAppcuentos dálle unha volta ao xeito de narrar os contos infantís

martes, 10 de decembro do 2013 Redacción

CreAppcuentos, ferramenta galega da que falamos xa co motivo do seu importante recoñecemento no certame Pirate Startup Award, vai ser en breve unha realidade a disposición dos nosos cativos e máis dos pais e nais que queiran tirarlle partido nas súas dúas modalidades (para Android e para iOS). Trátase, máis polo miúdo, dunha nova aplicación infantil para crear novas historias a partir dos contos clásicos de sempre. O obxectivo dos seus creadores é “estimular a creatividade e o maxín nenos”, permitindo que os protagonistas dun conto poidan convivir con personaxes doutras historias creando un novo relato personalizado.
CreAppcuentos diríxese como dixemos a pais, nais e familiares con fillos de 0 a 12 anos. A idea dos seus creadores foi dar forma a algo sinxelo e doado, que permitise a través de poucos pasos materializar “historias únicas e diferentes”. A ferramenta conta inicialmente con diferentes stickers de distintos contos que os nenos poden empregar e montar con diversos fondos de pantalla para dar forma a un universo propio. Deste xeito e dando renda solta ao maxín, ben pode ser que Carapuchiña poida ser salvada por un superheroe das gadoupas dun dinosauro.
O fundador desta aplicación, Avelino Correa, quixo ir máis aló da creación de novas historias e deseñar, de forma paralela, “unha plataforma que funcionase como rede social”. Trátase da Cuentoteca, “un colector de contos no que se poderán atopar as novas narracións subidas tanto por parte dos usuarios como de centros educativos, con distintas categorías en función dos contidos”. Os usuarios poderán votar de forma positiva ou ben opinar sobre as distintas historias subidas polos demais creadores. Segundo apunta Correa, “queremos que a xente teña presente o concepto de que as tablets non son malas e que hai ferramentas moi boas que fomentan a creatividade e imaxinación”. O seu maior obxectivo, explica, é lograr que os nenos e os pais interactúen xuntos e que estimulen o maxín usando unha ferramenta visual e intuitiva.
A plataforma, lembremos, gañou o concurso Startup Pirates este ano en Vigo e quedou segunda no Lean Startup de Madrid. Contará cunha versión gratuíta para Apple Store e Play Store e unha versión de pago, ademais de paquetes de contidos adicionais. A data de lanzamento está prevista para o día 25 de decembro.