A canción Son muller revoluciona as redes coa súa mensaxe contra a discriminación

luns, 13 de novembro do 2017 Redacción

As gañadoras do primeiro premio do certame Quero cantar, promovido pola Deputación da Coruña co obxectivo de difundir a lingua galega e a creatividade poética e musical na mocidade, están a deixar unha fonda pegada nas redes sociais co vídeo-clip da súa canción Son muller, na que defenden a igualdade de xénero. Segundo nos conta a entidade provincial, o grupo de Teo integrado por Lúa, Valeria, Ruth, Ana, Sara, Carme, Cristina e Candela, coñecido nos ámbitos artísticos como a banda Máis boas cás patacas, conseguiu, en poucas horas, que milleiros de persoas reproduciran o devandito tema musical nas redes sociais (5.000 visualizacións ás poucas horas no Facebook de Quero cantar e, días despois, este 13 de novembro, 22.000 visualizacións). A mensaxe para os fogares e para os centros de ensino é ben clara: cómpre promover a igualdade e eliminar a discriminación das mulleres.
Como dixemos, o grupo de Teo acadou o pasado 20 de outubro o primeiro premio do concurso promovido pola Deputación Provincial da Coruña. Co seu tema Son muller, as oito mozas de Teo reivindican os dereitos e a igualdade para as mulleres. O éxito da canción e do vídeo deixouse notar dende a obtención do dito recoñecemento: dende aquela, distintos centros de ensino puxéronse en contacto coa Deputación da Coruña para poder empregar o videoclip como material didáctico nas aulas.
Segundo a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, o vídeo “contribuirá á defensa da igualdade e á eliminación da discriminación cunha mensaxe que parte de xente das propias mozas co cal resultará moito máis eficaz con xente da súa idade".

PUBLICIDADE