A ducia de firmas do Pacto Dixital xuntan forzas coa Xunta para impulsar o noso talento TIC

mércores, 13 de decembro do 2017 Redacción

O Pacto Dixital de Galicia, a alianza asinada en 2013 para contribuír a converter Galicia nun punto tecnolóxico de referencia (coa participación, por unha banda, do Goberno galego a través de AMTEGA, e, pola outra, dunha ducia de empresas punteiras do sector), vén de avanzar un novo e importante paso cara a consecución do devandito obxectivo. Estamos a falar da posta en marcha do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, destinado a reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral.
O Plan foi impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que dirixe Mar Pereira. Segundo informa este organismo, inclúense ao abeiro da dita iniciativa, e como punto de partida, máis de 20 actuacións.
Estas 20 actuacións artéllanse en tres eixos de actuación: impulsar as vocacións STEM, promover a adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de líderes dixitais para a transformación tecnolóxica. Cun orzamento público-privado de 5 millóns de euros ata 2020, DigiTalent constitúese como “unha iniciativa aberta ás achegas dos axentes do ecosistema dixital”, entre os que están as 12 empresas que en 2013 se adheriron ao Pacto Dixital da Xunta para impulsar o crecemento tecnolóxico da Comunidade
Segundo lembra AMTEGA acerca dos porqués e das orixes deste Plan, a día de hoxe en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas), “unhas cifras que contrastan coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital”. A respecto disto, a axencia lembra que “só na Comunidade o sector tecnolóxico mantivo una taxa de emprego estábel en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de emprego en 2016 con máis de 16.000 traballadores”.
Responsábeis das empresas tecnolóxicas adheridas ao Pacto Dixital, Indra, Everis, Iecisa, Satec, Televés, R Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC Galicia participaron esta mañá nunha xuntanza e traballo coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, para articular a súa participación no Plan DigiTalent. Como punto de partida, a Xunta propuxo a estas a súa participación en dúas das iniciativas previstas en DigiTalent: o Programa de becas Áncora e a Iniciativa Tecnólogos por un día.
Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Está dirixido a estudantes universitarios, de FP ou recentemente titulados que estean cursando formación no eido tecnolóxico.
Tecnólogos por una día, pola súa banda, é unha iniciativa dirixida a rapaces e rapaces de entre 12 e 17 anos, que “terán a oportunidade de experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.)”. O obxectivo, explica AMTEGA, é “mostrarlles as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolver as súa dúbidas vocacionais”.
Primeiro eixo: impulso das vocacións STEM
O primeiro eixo do Plan busca fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnoloxías entre a poboación máis nova, especialmente entre as mozas, con exposicións e accións lúdico-formativas e actividades de asesoramento. Crearanse espazos con equipamento de última xeración para achegar aos máis novos as novas tendencias tecnolóxicas, axendas de actividades con talleres e competicións de robótica, enxeñaría, programación etc.
Nesta mesma liña fomentarase o atractivo das profesións STEM desde as primeiras etapas escolares con actuacións como Tecnólogo por un día ou campamentos de verán con obradoiros TIC. E tamén o talento precoz con programas para a xestión de talento STEM de alto rendemento para alumnos con aptitudes tecnolóxicas avanzadas.
Segundo eixo: fomento de novos perfís dixitais
DigiTalent contempla actuacións para ofrecer capacitación continua aos profesionais con accións formativas e de asesoramento como o programa Áncora, sesións divulgativas de novos perfís dixitais, ou o Observatorio Tecnolóxico DXC. Facilitar a adaptación de profesionais non TIC con programas de reciclaxe profesional e garantir capacitación dixital básica de todos os profesionais
Terceiro eixo: E-líders para a transformación dixital
O Plan conta con medidas para facilitar a estes perfís directivos formación e sensiblización e iniciativas para impulsar o emprendemento e a xeración de ideas innovadoras.
Pacto Dixital de Galicia
En 2013, un total de 11 empresas tecnolóxicas, de ámbito internacional, autonómico e o Clúster TIC de Galicia asinaban coa Xunta un acordo no que, ambas partes, asumían un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das PEME galegas e colaborar para conseguir o crecemento do sector. Desde entón xeráronse diferentes iniciativas como os centros de emprendemento dixital de Telefónica Galicia Open Future; o centro para a innovación social dixital, Vodafone Conecting for Good Galicia ou o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC. Todos eles situados na Cidade da Cultura, conformando xunto coa sede da AMTEGA, o polo tecnolóxico do Gaiás.

PUBLICIDADE