A falta de interese pola información veraz centrou unha xornada do CCG

venres, 10 de marzo do 2023 S. P.

O Consello da Cultura Galego (CCG), no marco do seu foro Pensar o mundo dende Galicia, organizou o pasado xoves 9 de marzo na súa sede de Raxoi (Santiago) unha xornada sobre o proceso de desinformación que inza na actualidade as canles de comunicación, tanto as tradicionais como sobre todo as abeiradas ás ferramentas tecnolóxicas. O obxectivo da xornada A información no mundo da posverdade foi “analizar o sistema comunicativo actual, o papel da información e os perigos das novas falsas”.
Remedios Zafra (Zuheros, Córdoba, 1973) e Emili Prado (Cospeito, 1953) son as figuras que encabezaron a primeira sesión, que puxo sobre a mesa a loita profesional e académica contra a desinformación.
Pola súa banda a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, salientou na inauguración que este foro constitúe “un acto de demostración da nosa confianza nas posibilidades que temos como colectivo”. Neste senso, o vicepresidente do CCG e coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, engadiu que se buscou responder á inquedanza de “pensar o mundo dende Galicia e concibir Galicia como unha célula de universalidade”.
Segundo o catedrático de Xornalismo Xosé López García, se ben a desinformación existiu sempre, “estamos nun momento complexo polas ferramentas tecnolóxicas, pero tamén porque hai unha maior concienciación”. Ademais, reclamou a necesidade de asumir a responsabilidade de loitar contra a desinformación dende tres ámbitos: “o legal, o tecnolóxico e o educativo”.
Na primeira sesión, formulouse un dobre obxectivo, tal e como subliñou Xosé López: “reflexionar sobre a información no escenario actual” e “contribuír ao debate dende Galicia, que quede claro quen traballa sobre isto e loita contra a desinformación, con formación, con ferramentas e tamén no debate social”.
O ecosistema comunicativo actual e a desinformación é o título co que Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual na Universitat Autònoma de Barcelona, abriu a xornada, quen subliñou que é necesario “entender a desinformación como a consecuencia dun proceso de intoxicación producido polo consumo de información adulterada (novas falsas, información maliciosa ou información incorrecta)”.
Remedios Zafra Alcaraz, científica titular no Instituto de Filosofía do CSIC, abordou “a erosión de esferas características de Internet e o seu uso capitalista favorecen contextos para a posverdade”, e os riscos democráticos derivados diso. “A posverdade transita polo territorio esvaradío das mentiras que aparentan ser verdade valéndose das emocións e da instrumentalización dos medios (caducidade, exceso e celeridade)”, subliñou. A velocidade que impera “nunha sociedade de mercado que recompensa a rapidez con likes e avaliacións positivas” favorece que á información “se acceda máis como imaxe que como texto”. Zafra, a xeito de conclusión, sinalou algúns dos mecanismos posíbeis para loitar contra esta situación: a necesidade de garantir “espazos de información non precaria, fiábel, contrastada, mantida por traballadores non precarios”; de fomentar “contextos para a dialéctica argumentada, o acceso a opinións distintas, ao disentimento e á comprensión, fronte ao debate rápido con titulares efectistas”, e un “espazo público e tecnolóxico non mercantilizado”. Así mesmo, reivindicou o “dereito á desconexión, á intimidade e á vida pública”, para o que é preciso a regulación das redes, e a necesidade de crear “conciencia social e informativa desde unha renovada educación que non subestime o valor da ética, das humanidades, o pensamento lento”.
Na sesión da tarde, desenvolveuse a mesa de debate A loita en contra da desinformación. Achegas de proxectos en execución. Nela, expuxéronse os resultados das principais investigacións que se realizaron nos últimos anos arredor do fenómeno da desinformación e propuxéronse diferentes accións para combatela. A mesa estivo moderada por Xosé López e contou coa participación de Clara González Tosat, da Universidad de Navarra; María Isabel Míguez González e Xosé Rúas Araújo, da Universidade de Vigo, e Carlos Elías Pérez, da Universidad Carlos III de Madrid.
A sesión, que se retransmitiu en directo, foi gravada e está a disposición da cidadanía na nosa hemeroteca para futuras consultas.

PUBLICIDADE