A final do torneo galego de LoL será os días 21 e 22 de decembro

venres, 29 de novembro do 2019 Redacción

A Xunta de Galicia organizará a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legends (LoL) os días 21 e 22 de decembro no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, segundo anunciou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, nunha das fases iniciais desta competición que hoxe ten como escenario o Espazo Xove de Tui.
O obxectivo é configurar un completo fin de semana de competición entre os 16 equipos que se clasifiquen para a fase final. Cómpre lembrar, que nos Espazos Xoves de menor poboación (Betanzos, Curtis, Noia, Pontedeume, Vilalba, Viveiro, Chantada e Tui) clasifícase un equipo de cada zona, mentres que nos catro de maior poboación (Carballo, Ourense, Lalín e Vilagarcía) son dous os equipos que chegarán.
Deste xeito, o sábado 21 do vindeiro mes terán lugar os oitavos de final que se disputarán de xeito simultáneo en catro espazos diferentes dentro do recinto. Xogaranse tres partidos en cada espazo, e os que gañen dous pasarán á seguinte fase. O día 22 disputaranse pola mañá os cuartos de final e as semifinais a partida única, mentres que pola tarde será a gran final na que o equipo gañador resultará ser o mellor de tres partidas.
Cada membro do equipo gañador será obsequiado cunha tarxeta de Riot Points, valorada en 100 euros, a través da que se poderán adquirir diversos elementos dentro do xogo, ou con outra tarxeta regalo a determinar pola organización. Os membros do equipo que quede en segunda posición recibirán material de promoción da Consellería de Política Social.
Esta fase final do I Torneo autonómico de League of Legends (LoL) nos Espazos Xoves será aberta a todo o público, que poderá seguir a competición na pantalla do escenario principal. Cómpre destacar que a conexión a internet e os equipos informáticos que se empregarán durante esta fase final serán subministrados pola compañía R.
O Goberno galego puxo en marcha este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos e se está a celebrar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Ademais, procura promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.

PUBLICIDADE