A firma galega de software Balidea obtén dous recoñecementos ao seu labor

xoves, 21 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega Balidea, que centra unha boa parte do seu labor no deseño de software, vén de situarse no reducido grupo de firmas do sector que a nivel español conseguen os certificados ISO 20000 e ISO 27001, dous dos recoñecementos máis importantes que no eido tecnolóxico se lle poden asignar a unha compañía pola calidade da súa estratexia e do seu traballo. A firma, que se sitúa desta maneira na primeira liña do sector TIC galego, ve nestes avais “un xeito de salientar o esforzo realizado para converter a calidade e a mellora continua dos seus servizos en elementos difrerenciais que contribúan a pór en valor a súa actividade”.
Polo que respecta á certificación ISO 27001 achegada por AENOR (ao igual que o outro selo), dicir que especifica os requirimentos para a implantación, mantemento e mellora dun sistema de xestión da seguridade da información. “Coa obtención do selo”, sinala Balidea, “a empresa entra a formar parte do reducido número de empresas en España, arredor de 200, que teñen este selo de calidade no seu sistema de información”. Noutras palabras, o certificado recoñece o bo facer de Balidea á hora de pór en práctica os métodos precisos para protexer a información de calquera risco.
No que atinxe ao ISO 20000, sinalar que lles permite ás empresas unha visualización externa e íntegra da súa capacidade para dar servizos de tecnoloxías da información xestionados coas mellores prácticas. Ou sexa, que con este aval Balidea fica en disposición de amosar, punto por punto, un potencial para subministrar servizos tecnolóxico-dixitais rendibles e de calidade.
Como dixemos, detrás destes recoñecementos atópase AENOR, entidade que co seu traballo no deseño de normas técnicas e certificados permite unha estratexia de continua innovación dentro das compañías no vieiro da competitividade, “axudándolles tamén a xerar un dos valores máis prezados na economía de hoxe en día: a confianza”, sinalan os responsables de Balidea. Entre o reconto dos seus servizos achegados, atopamos os seguintes números: un catálogo con arredor de 28.000 normas con solucións e máis de 55.000 certificados emitidos ata o de agora nos máis variados eidos de actividade: dende xestión da calidade e ambiental a I+D, pasando por seguridade e saúde no traballo ou eficacia enerxética.
O labor de Balidea
Balidea é unha empresa galega especializada no deseño, desenvolvemento e implantación de proxectos na área das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC); o mantemento, soporte técnico e explotación de aplicacións informáticas, software e sistemas operativos na área das TI e en consultoría especializada en Sistemas de Información.
Desde o ano 2002 achega estes servizos tanto no ámbito da administración pública como no da empresa privada.