A galega Audicon e Microsoft presentan unha plataforma na nube para mellorar a produtividade
luns, 22 de novembro do 2010

- Carlos de la Iglesia, director de Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica
Santiago acolleu hoxe a presentación dunha ferramenta tecnoloxico-dixital galega dirixida a enriquecer o panorama de servizos na nube: aqueles que antes tiñan a súa raizame nos equipamentos máis a man pero que agora están na Rede, favorecendo todo tipo de vantaxes persoais para o profesional. Máis polo miúdo, presentouse no Hostal dos Reis Católicos a Plataforma de Servizos a Empresas e Asesorías, PLASAE, un recurso dirixido a ofrecer servizos en liña de despachos profesionais e consultoras co fin de incrementar as súas liñas de negocio con novas propostas e reducir os seus custes operativos. En termos máis concretos, trátase en boa maneira de axudarlles a soltar lastre informático.
A plataforma vén da man da empresa galega Audicon, e foi presentada este luns por profesionais desta compañía (José Manuel García Canovas e José Higinio García Losada, conselleiro delegado e socio responsable de I+D) e por Carlos de la Iglesia, director de Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica. A presenza de Microsoft en Compostela, apoiando a iniciativa de Audicon, débese (en palabras da firma de Redmond) ao seu “compromiso coa innovación e o impulso local das empresas”. Asemade, responde a un interese por amosar o software do futuro, cada vez máis afastado do formato “paquete”, do que PLASAE, sinalou Carlos de la Iglesia, é un bo exemplo.
A plataforma, arestora empregada a fondo por un máis de 60 compañías (e testada por máis de 600 profesionais), ten a xuízo dos seus responsables un mérito duplo: o mérito de ter xurdido dende a nosa terra (a priori fóra da vangarda internacional do eido informático) e o mérito de ser inédita. Ou sexa, que a excepción dunha plataforma con semellantes obxectivos posta en marcha dende Corea, non se coñece nada que aspire a satisfacer esta demanda en concreto: unha demanda que abrolla dende as pequenas e medianas empresas, sobre todo do eido consultor e asesor, para mellorar a súa produtividade, optimizar os seus recursos e saber, de xeito definitivo, que lles fai falta e que non.
“En Galicia”, sinalou José Manuel García Canovas, “igual que hai empresas punteiras en sectores como téxtil ou o naval, queremos que haxa unha fortaleza semellante dende as novas tecnoloxías”. A aposta de Audicon, responde tamén a este interese. Nisto tamén coincidiu José Higinio García, quen procedeu na presentación de PLASAE a definir as súas características e funcionalidades. “Queremos poñer ao alcance dos asesores servizos de baixo custe, seguros e rendibles, achegalos ás pequenas e medianas empresas”. Este é precisamente o seu principal nicho de actividades: as pemes. As empresas de gran tamaño, sinalou, xa teñen máis cuberta a demanda. Do que se trata, en definitiva, é de axudar ás de menor envergadura.
PLASAE, engadiu García Losada, componse de catro servizos principais: xestión de activos de software lixeiro (LSAM), produtividade (medicións do uso que fai o traballador dos recursos informáticos dispoñibles), xestión de proxectos e Business Inteligence. Todo ten un nexo común claro: está baseado na nube. Isto que significa? Pois, como dixemos ao comezo, ofrécese dun xeito que non obriga a mercar nin instalar nada, nin hardware nin software, o que redundaría nun abaratamento de custes, factor a ter en conta nuns tempos que non se caracterizan pola bonanza económica, sinalaron. En concreto, PLASAE apóiase en tecnoloxía cloud de Microsoft. “A través destas canles”, dixo García Losada, “ofrecemos formación, soporte e respostas a tódalas dúbidas”. Por exemplo: PLASAE informa polo miúdo de cales son aqueles recursos informáticos que non están a ser empregados de maneira axeitada nunha empresa, de cales son legais e cales non, de cales son produtivos e cales non, de cales están por enriba das posibilidades da compañía e cales non.
“A gran vantaxe de todo isto”, afirmou García Losada, “é que poñemos ao alcance das pequenas e medianas empresas ferramentas ata o de agora inexistentes”. En definitiva, do que se trata é de axudar ás firmas a soltar lastre e ficar co que é rendible. Todo isto inclúe aplicativos e servizos de uso común nun eido empresarial ou administrativo. Por exemplo: está claro que para un contorno do eido consultor, o uso a esgalla dunha rede social entre os traballadores ten que caer do lado do lastre. O Facebook, no lugar de actividade dun funcionario público ou dun asesor privado, non pinta moito. E así llelo fai saber a ferramenta PLASAE a quen corresponda, amais da porcentaxe de uso que se lle dá. Isto tamén é aplicable ás webs de deportes, as de contidos adultos ou as de compras, por dicir algunhas das que máis figuran nos informes.
“En algúns casos”, sinala Audicon, “os tempos de inactividade dos usuarios chegan a abranguer máis da metade do horario laboral, tempo que nunha boa parte dos casos acaba por empregarse en servizos como Facebook”. A empresa galega tamén quixo deixar claro que non se trata de perseguir a ninguén nin condenar hábitos de traballo, só de procurar a rendibilidade. Segundo comentou, as empresas que usan este servizo, PLASAE, teñen a obriga de informar aos traballadores de que se está a pór en práctica. Os informes presentados no Hostal dos Reis Católicos sobre o uso de páxinas que nada teñen que ver coa natureza da práctica laboral foron extraídos, co debido anonimato, de contornos onde previamente se informara da aplicación da plataforma. Malia todo, comentouse, algúns traballadores seguiron a teimar na visita a webs con contidos adultos.
Na presentación de PLASAE tamén participou Carlos de la Iglesia, de Microsoft, quen comezou a súa intervención amosando a satisfacción da dita empresa por participar no desenvolvemento de proxectos innovadores coma este. Asemade, tivo tempo para facer campaña a prol da iniciativa galega no canto da coreana: “Esquézanse por favor de Corea, porque PLASAE é único”. Entre o que máis lle chamou a atención a Microsoft desta ferramenta, sinalou, atópase o seguinte:
· A capacidade para localizar as necesidades reais dos asesores.
· O traballo a prol da rendibilidade do software e dunha mellor xestión.
· A busca dunha meirande produtividade.
· A aposta pola nube.
Ao seu xuízo, estar na nube é o futuro da Sociedade da Información. O software, dixo, xa non vai estar en paquetes, e esta plataforma que estamos a presentar é un bo exemplo desta tendencia inevitable.
