A galega Cilenis lanza as versións para móbil dos seus conxugadores verbais de español e portugués
martes, 12 de xuño do 2012
A firma galega Cilenis, especializada no procesamento da linguaxe
natural e a enxeñaría lingüística, atopou definitivamente nas TIC o aliado
perfecto para axudarlle á sociedade a falar a nosa lingua con propiedade:
conxugando os verbos con corrección e segundo as normas establecidas polos
organismos oficiais.
Iso xa foi en novembro do pasado ano, cando a firma nos sorprendeu
cun conxugador
de verbos en galego para usar comodamente dende o ordenador, que non só
permitía conxugar tódalas formas verbais dos verbos existentes na nosa lingua,
senón tamén conxugar verbos inventados tales como “twittear” ou mesmo “facebooquear”
que aínda non son oficiais (pero que todo se andará).
Porén o gran salto á fama do Conxugalego,
que así se chama a ferramenta, chegou co lanzamento da súa aplicación para
móbiles a Google Play, deseñada especificamente para usar onde máis falta
facía: na rúa.
Agora Cilenis, na súa teima por mellorar a nosa forma de
expresarnos en calquera lingua, vén de lanzar á tenda Android dúas curmáns do
Conxugalego: un conxugador de español e un conxugador de portugués, que se
poden descargar totalmente de balde para usar ámbolos dous idiomas con propiedade
e corrección.
As ferramentas, moi intuitivas e doadas de usar, foron
desenvolvidas pola empresa GalApps para Cilenis, e xa se poden descargar e
instalar en terminais de última xeración con sistema operativo Android, para darlle
uso de inmediato sen temor a atopar publicidade.
Conjugador Português e Conjugador Español permiten consultar tanto verbos normativos
como calquera outro
verbo que se nos ocorra: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos
de xerga ou mesmo
inventados, tal como permitía a anterior aplicación en galego.
No caso do conxugador
de español, recolle todos os verbos recoñecidos pola Real Academia Española
(RAE) e, asemade, os verbos polisémicos que teñen dúas conxugacións diferentes
en función do seu significado.
O portugués, pola súa
banda, permite conxugar verbos segundo a normativa brasileira ou portuguesa, e
en ámbolos dous casos, antes e despois do Acordo
Ortográfico.
Segundo afirman os
seus desenvolvedores, “as dúas
aplicacións son as máis completas, fiables e versátiles do seu ámbito”, ao
que engaden que “non teñen competencia no
mercado Android, onde só existen outros tres conxugadores para español, todos
eles incompletos, con erros lingüísticos e incluso con interfaces noutros idiomas”,
afirman.
No tocante ao
portugués, indican que só existe un similar, que unicamente permite consultar
verbos dunha listaxe predefinida e, polo tanto, limitada.
Estamos a falar, por
outra banda, dos primeiros conxugadores para móbiles de español e portugués
deseñados con software libre, o que lle aporta un importante valor engadido ao
usuario.