A galega Edisa implanta o seu software en dúas empresas mexicanas de primeira liña

venres, 18 de xaneiro do 2013 Redacción

A empresa galega Edisa, con sedes en Ourense e Vigo, anunciou os días pasados dúas novidades importantes respecto á súa actividade no exterior: por unha banda a posta a disposición da empresa mexicana IMMSA do seu software de xestión empresarial Libra e pola outra a implantación do mesmo recurso na firma Aluminios de Baja California. Ámbalas dúas integracións responden á estratexia de Edisa de afianzar a súa presenza en diversos países de Iberoamérica, actividade que xa deu os seus bos froitos na República Dominicana, en Colombia ou mesmo en Portugal.
Segundo informa Edisa, IMMSA é unha empresa dedicada á industria da transformación do cobre que se converteu nos últimos anos no provedor máis importante de pezas especializadas de cobre para a industria da enerxía e as telecomunicacións en México. “Un aspecto destacado de IMMSA”, engaden fontes da empresa galega, “é a súa orientación a procesos e cun foco moi importante cara ao control de calidade en todas as súas áreas, e é precisamente nesta contorna onde Libra se presenta como unha ferramenta estratéxica para a empresa”.
Polo que atinxe a Aluminios De Baixa California, dicir que se trata dunha empresa dedicada ao tratamento do aluminio, situada en Tijuana. A implantación dos módulos de Libra permitiralle cubrir a totalidade das funcións da empresa, tanto no que se refire á operativa diaria como ao control da xestión. Entre os módulos que a empresa implantou destacan financeiro, loxística e almacéns, compras e aprovisionamento, produción, vendas e distribución, mantemento, calidade, CRM, RRHH, entre outros.