A galega Ledmon afianza en Pontevedra os piares da primeira canle de televisión exterior do Estado

xoves, 30 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Quen pasara estes días pola praza de Compostela de Pontevedra, a pouco que emprestase un chisco de atención ao seu contorno, tería localizado unha importante novidade de equipamento que responde, coma case ningunha das tecnoloxías que temos visto nos últimos tempos dende Código Cero, á filosofía de saírmonos ao paso. Estamos a falar, os lectores de Pontevedra xa o saberán, da pantalla instalada pola empresa galega Ledmon, un dispositivo que emite contidos entre as 06.00 e as 00.00 horas e que pasar por ser a faciana visible dun proxecto piloto de envergadura: a posta en marcha da primeira canle de televisión exterior de España. Por certo que cando falamos de “exterior” falamos literalmente de “exterior”.
Segundo nos contan dende Ledmon, para estes primeiros días da experiencia piloto, o dispositivo emitirá en continuo unha programación de algo máis de unha hora, que logo se irá ampliando co paso das xornadas, tanto en tempo como en contidos. Ou sexa, que se trata dunha iniciativa en constante desenvolvemento (mentres a albiscamos, impúlsase e afiánzase) e así nolo contan dende Ledmon, que está neste intre mantendo contactos con diversas institucións e provedores para que estas novidades inclúan os seus contidos e novidades na nova canle de televisión. O obxectivo é ampliar a grella da programación ao máximo e estender a iniciativa a outras cidades da nosa terra, probablemente e nun primeiro paso, a Vigo e a Santiago.
A televisión, de feito, está proxectada para ter conexión directa coa contorna urbana na que se insire: “A canle incluirá contidos informativos da cidade, programación cultural, información metereolóxica, deportiva, información de servizos así como contidos publicitarios das institucións e empresas que polo de agora xa se uniron ao proxecto”, informan dende a empresa galega. Con todo, haberá quen se pregunte (aínda a estas alturas) en que se basean as diferenzas desta proposta con respecto a outras achegas audiovisuais recentes. Pois ben, a cousa comeza co propio emprazamento visible da canle: fóra, nas rúas e nas prazas. Un segundo elemento a ter en conta é que non estamos perante unha cadea publicitaria, un simple soporte tecnolóxico-audiovisual para a promoción comercial. A xuízo de Ledmon, trala experiencia en Pontevedra quedou claro que a calidade de imaxe e a calidade dos contidos serán os eixes básicos da estratexia. De feito, non se trata dunha manobra de publicidade, senón unha “canle de comunicación exterior que incide sobre todo na calidade, tanto da información como dos soportes”.
Sobre a pantalla, dicir que se trata dun dispositivo de ampla superficie, seis metros cadrados, e que achega 138.413 leds ao tempo que procesa 4,4 trillóns de cores. A súa disposición permite un ángulo de visión en horizontal de 120º, e en vertical de 60. A visibilidade máxima é de 50 metros de distancia.
Os obxectivos de Ledmon son desenvolver a proposta, afianzala e ampliala. De feito, está proxectada a instalación dun novo trebello audiovisual en Pontevedra, abranguéndose, como dixemos, outras cidades galegas. “A nosa intención”, comentan, “non é crear un circuíto publicitario senón equipar ás pantallas dun contido que lles permita ser un punto de información, ademais de soporte publicitario; en resumo, que queremos que se converta na primeira canle de televisión exterior de España”.