A galega Maler amosará na feira ISE de Ámsterdam o seus logros en sinalización dixital

xoves, 1 de decembro do 2016 Redacción

Oficinas de Maler na Coruña

Maler Digital Signage, empresa da Coruña centrada en recursos de sinalización dixital (consultaría, implantación e seguimento en tempo real destes recursos), vén de comunicar que vai facer acto de presenza, presentando servizos avanzados de seu, na gran cita europea do sector audiovisual e os sistemas integrados: a feira ISE de Ámsterdam. A edición 2017 da cita (a que se prevé máis concorrida dos seus 14 anos de andaina) será entre o 7 e o 10 de febreiro, no Centro RAI. Nela, Maler contará con stand de seu: un emprazamento de 30 metros cadrados que contará entre outras cousas cunha instalación de seis pantallas e un muro audiovisual (un videowall) de 4,5 x 5 metros. A empresa coruñesa compartirá en ISE 2017 os seus dez anos de experiencia no sector, con máis de 90 proxectos en 14 países.
Asemade, Maler tirará proveito da oportunidade para presentar en detalle os seus máis recentes casos de éxito, como a implantación da rede de digital signage do metro de Londres (para quen non o saiba, o devandito concepto de digital signage designa en boa medida os novos soportes dixitais para a publicidade, xeralmente dispostos en espazos públicos e achegando unha ampla gama de contidos de mercadotecnia multimedia). A empresa da Coruña tamén exporá os resultados obtidos nos seus traballos a medida para Kentucky Fried Chicken (KFC), Taco Bell, o O2 Arena de Londres, a compañía petroleira Tamoil e a cadea suíza Manor.
Amais de expoñer os seus últimos traballos, Maler amosará como se controlan e xestionan sistemas corporativos de sinalización dixital, ensinará o funcionamento das súas solucións propias, presentará algúns dos interfaces feitos a medida para os seus clientes e desvelará varias das liñas de futuro do sector, “coa axuda de provedores da empresa en tecnoloxías tan de moda como o recoñecemento facial e os beacons”, explican fontes da empresa galega.
Con respecto á súa anterior edición, ISE 2017 contará coa presenza de 135 novos expositores, entre os que se atopa Maler, cunha ampliación de 3.000 metros cadrados e un novo pavillón, o Smart Building Theatre. En palabras dos responsables da firma galega, “Ámsterdam converterase durante catro días na capital mundial do sector audiovisual”.