A galega Muutech axuda a mellorar rendemento das empresas e evitar problemas de produción
xoves, 14 de febreiro do 2019- Os tres fundadores da empresa galega Muutech
Entre
as novas firmas innovadoras galegas que están a coller impulso e
voar, Muutech
Monitoring Solutions atópase entre as que separan máis
centímetros do chan. Recentemente finalista nos Premios
TIC Galicia, trátase dunha startup de revolucionarias
solucións para a monitoraxe e control de contornas de sistemas de
información, industriais e de produción. Ten o engadido extra de
ser filla do seu tempo: ofrece solucións tecnolóxicas para o
día de hoxe pero tamén con vistas ao futuro que se aveciña, un
futuro onde a Industria 4.0 (automatizada, sustentábel, rendíbel,
eficiente, intelixente) estará tan normalizada que xa non teremos
necesidade de falar dela. Un dos puntos fortes de Muutech, que ten a súa sede en Nigrán, reside en
que ofrece solucións de despregue rápido e doado para a xestión de
dispositivos de rede, industriais e IoT (Internet das Cousas) e todo
de maneira centralizada e global.
Ou
sexa, trátase de facer sinxelo o que sempre pensamos que por forza
debía ser complexo: operacións diarias de xestión de todo o
relacionado coa actividade dunha empresa, teña esta a envergadura
que teña (dende a xestión da experiencia do usuario final en
aplicacións até rendementos a nivel de dispositivo, ou maquinaria
industrial). Un dos grandes obxectivos de Muutech é mellorar o
rendemento de empresas de moi variada índole, amais de impulsar os
seus procesos de crecemento. Neste punto, axúdalles a adiantarse aos
erros e corrixilos de forma rápida en caso de que acaezan, pero
sobre todo axúdalles a non repetilos. En termos máis concretos, a
tecnoloxía que pon en xogo a startup galega permite evitar
paradas de produción, detectar anomalías e establecer alarmas sobre
as mesmas con marxe de abondo para emendalas. Isto conséguese con
técnicas de Machine Learning, aprendizaxe máquina. Outra das
tecnoloxías das que bota man é a Realidade Aumentada.
Muutech,
posta en marcha hai apenas un ano e medio por tres emprendedores
novos que compartían o obxectivo común de optimizar o rendemento
das empresas e empurralas con tecnoloxías intelixentes: Víctor
Calvo, Óscar González e Fernando Fernández-Valdés. O ano pasado,
a súa ferramenta tecnolóxica para facer monitoraxe de todas as
etapas de produción foi finalista (xunto con outras oito
iniciativas) no programa de emprendemento da Universitat Oberta de
Catalunya (UOC). Tanto neste como noutros outros moitos
recoñecementos recibidos valorouse a capacidade de Muutech para
facer exhaustivo seguimento de toda a engrenaxe integral dunha
empresa: robots e máquinas de produción, servidores ou mesmo
comunidades de redes sociais. Segundo comentaron Víctor, Óscar e
Fernando nunha entrevista recente, “no mercado actual non hai
ningunha outra solución que sexa quen de xuntar todos estes datos da
actividade dunha empresa e que o faga de maneira tan visual e doada
de entender”. A maiores, a tecnoloxía de Muutech é aplicábel a
todo tipo de sectores, poñendo unha ampla marxe de personalización
para cada tipo de usuario. Segundo engaden, “o noso sistema é
igual de operativo e útil para calquera profesional, ben sexa un
operario ou un directivo”.
Outro
dos puntos nos que fan fincapé é no importante oco que vén a
encher a súa solución nunha demanda empresarial que vén de antigo:
a de poder contar cun equipo de enxeñeiros que se adiquen a aplicar
ferramentas específicas de xestión e seguimento na rutina diaria
dunha empresa. Isto, sinalan, non é viábel para todas as compañías,
polo que cumpría que alguén movese ficha e achegase a monitoraxe
como un servizo e que asumise a parte máis complexa desta
actividade, descargando ao usuario desta vertente tecnolóxica e
permitíndolle adicarse ao seu quefacer.