A galega OpSeeker, primeira startup estatal no programa de aceleración Startupbootcamp fintech

luns, 2 de outubro do 2017 Redacción

A startup santiaguesa OpSeeker, especializada en adestramento financeiro en liña, foi seleccionada pola aceleradora de proxectos tecnolóxicos Startupbootcamp para o seu programa de impulso empresarial destinado a firmas de nova creación pertencentes aos aos sectores fintech e ciberseguridade. Segundo nos contan dende OpSeeker, esta aceleradora emprazada en Ámsterdam ofrece un programa de tres meses nesta cidade e, dende alí, centra os seus esforzos en preparar ás novas firmas seleccionadas para traballar con compañías financeiras líderes en todo o mundo. Entre os socios da aceleradora atópanse Mastercard, PwC, Lloyds, Rabobank, ING ou ABN Amro.
Nesta edición, un total de 11 compañías foron seleccionadas entre as 541 solicitudes enviadas desde 73 países. Os equipos seleccionados deberán “superar agora tres meses de duro traballo”, sinalan dende Opseeker, explicando que ao remate deste camiño de adestramento agárdalles o Demo Day, que será en febreiro do 2018 e que servirá para que as participantes presenten os seus resultados a centos de startups, tech influencers, mentores, socios e investidores. Recibirán tamén 15.000 euros de investimento e, asemade, un espazo para traballar na capital holandesa. Ademais, terán a oportunidade de traballar de xeito conxunto con empresas como Rabobank, ABN Amor, ING, PGGM, Nationale Nederlanden ou De Volksbank, entre outras.
En palabras do director executivo (CEO) de OpSeeker, Gonzalo Camiña, “a nosa proposta de mellorar a saúde financeira dos clientes das grandes institucións financeiras non puido ter un mellor recibimento en Holanda, un país que, malia o seu magnífico sistema económico e financeiro, quere sempre mellorar a súa proposta de valor para o cliente final”.
Segundo engade, para o proceso de selección na Startupbootcamp foi clave a participación de OpSeeker no programa Santander Yuzz, no que “fomos elixidos gañadores do VIII Edición no Centro de Santiago de Compostela”. Amais disto, tamén foi decisiva a concorrencia de OpSeeker no programa de aceleración de ABANCA Innova by Conector. “Sen estas dúas magníficas experiencias non poderiamos conseguir entrar no programa de Startupbootcamp”, explica.

PUBLICIDADE