A galega OpSeeker, terceiro premio da oitava edición de Yuzz
martes, 7 de novembro do 2017

- Lucie Hefnerová, no centro, acompañada de Elena Pernas e Manel Cotos
Á start-up santiaguesa OpSeeker,
especializada en adestramento financeiro en liña, non lle paran de
chegar os recoñecementos. Se recentemente falados da súa
participación na aceleradora de proxectos tecnolóxicos
Startupbootcamp
(foi elixida para
concorrer no programa de impulso para firmas novas dos sectores
fintech e ciberseguridade), onte soubemos que
OpSeeker vén de gañar o terceiro premio da oitava edición do
programa Yuzz Mozos con Ideas, dotado con 10.000 euros e
impulsado polo Grupo Santander xunto coas universidades (no caso
concreto de Opseeker, xunto coa Universidade de Santiago).
Como lembraremos, a start-up santiaguesa
foi creada por Lucie Hefnerová e Gonzalo Camiña Ceballos. Para o
seu empuxe definitivo, foi madurada no nodo Yuzz-Santiago. Ás
devanditas distincións únese
a recibida en maio polo BBVA, que a recoñeceu como a mellor
firma innovadora galega do seu sector.
Datos sobre a empresa
OpSeeker é unha empresa constituída en Santiago
de Compostela en xullo de 2016. Dous dos seus catro fundadores son
naturais da capital galega, outro de Madrid e outra da República
Checa. Gonzalo Camiña, director executivo da nova firma, sinalou
recentemente que “estamos a crear unha nova maneira de planificar
as finanzas, onde non se tentan vender produtos, senón que os
vehículos de investimento son os que de verdade precisan os
usuarios”.
Gañador local
O Centro Yuzz-Santiago
é un espazo de coworking dedicado ao emprendemento que se
atopa no Edificio Emprendia da USC e no que desde xaneiro traballaron
35 emprendedores para converter as súas ideas empresariais en
proxectos. A Universidade, en colaboración coa Xunta de Galicia,
coordina tamén o nodo de Yuzz-Lugo que ten a súa sede na Facultade
de Administración de Empresas do Campus de Lugo.
En
decembro de 2016 no Centro Yuzz-Santiago seleccionáronse 35
emprendedores de entre máis de 100 solicitudes, chegando 20
proxectos á final, que gañou OpSeeker. Grazas a isto, Lucie
Hefnerová viaxou a Silicon Valley para vivir unha experiencia de
gran utilidade para impulsar o desenvolvemento dos seus proxectos,
achegándolle ligazóns para o asentamento da empresa en novos
mercados e para a procura de financiamento. O programa incluíu
visitas a empresas como Google, LinkedIn, Facebook, Uber ou Airbnb e
conferencias en prestixiosas universidades como Berkeley e Stanford.
O proxecto finalista que representou a Yuzz-Lugo
nesta edición foi ZebraNanoTox, desenvolvido por Vanessa Pérez e
Carlha Gutiérrez, do grupo de investigación da Facultade de
Veterinaria ZebraBioRes-ACUIGEN.
O programa YUZZ diríxeo
CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago
da USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia.
