A galega Optare optimiza a operación de Oracle OSM na meirande firma tecnolóxica grega

mércores, 17 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A compañía tecnolóxica máis grande e referencial de Grecia, a operadora OTE Group, escolleu unha solución da empresa galega Optare Solutions para mellorar a prestación dos seus servizos de operacións. Trátase de OSM Butler, unha ferramenta que axuda aos equipos de soporte de operacións a resolver problemas de operacións diarias con Oracle OSM, a solución de orquestración utilizada polo operador de telecomunicacións grego para a provisión dos seus servizos.
O traballo realizado pola empresa galega na contorna do grupo grego, que se completou “nun tempo marca”, en palabras de Optare, puxo en xogo unha serie de vantaxes para a compañía. Por exemplo, a simplificación das operacións para volumes masivos de ordes con problemas, unha detección e diagnóstico máis rápidos das incidencias de provisión e a simplificación da resolución de incidencias.
Respecto de OSM Butler, é froito da longa experiencia de Optare Solutions (máis dunha década) no ámbito OSM, que son as siglas, en inglés, de xestión de ordes e servizos (Order and Service Management). OSM Butler salienta pola súa capacidade para resolver problemas de maneira sinxela e para reducir esforzos, tempos de resposta e custos. Amais, deseñouse e levouse á práctica “tendo en conta os baleiros de OSM, empregando a nosa gran experiencia na optimización de sistemas e a resolución de problemas”, explican dende Optare.
OTE Group, para que non o saiba, é a maior empresa tecnolóxica de Grecia. É unha das tres principais empresas cotizadas en canto a capitalización, na Bolsa de Atenas, e tamén cotiza na Bolsa de Londres. Deutsche Telekom posúe o 45% do capital social de OTE e o Estado grego o 5%. O Grupo OTE emprega a unhas 13.000 persoas no seu país de orixe e a unhas 20.000 persoas en total. Ofrece unha gama completa de servizos de telecomunicacións: desde telefonía fixa e móbil, servizos de banda larga, até televisión de pago e soluciones TIC integradas.

PUBLICIDADE