A galega R premiada unha vez máis pola calidade do seu servizo de atención ao cliente

venres, 11 de outubro do 2013 Redacción

A Asociación Española de Expertos na Relación cos Clientes (AEERC) vén de galardoar o traballo do Centro de Atención ao Cliente de R facéndolle entrega do Premio á Excelencia na Atención CRC de Ouro 2013 na categoría de Telecomunicacións, recoñecemento que o operador galego recibira xa en dúas ocasións anteriores (nos anos 2008 e 2011). Para facerse con esta distinción, a empresa galega R tivo que competir con empresas de toda España, someténdose a exhaustivos estudos de investigación, enquisas e entrevistas por parte da consultora IZO.
Lembrar que o Centro de Atención ao Cliente de R conta con máis de 600 axentes situados en 13 plataformas de comunicación cos usuarios en diferentes puntos de Galicia e xestiona mensualmente arredor de 300.000 chamadas. Emporiso, un dos factores máis valorados polos destinatarios dos servizos de R é o trato próximo dos axentes que os atenden, “xa que eses profesionais sempre se atopan moi preto deles, sempre dentro da súa comunidade, podendo expresarse o cliente na súa lingua, o galego”, informou a compañía galega con motivo da devandita distinción e valorando os motivos para tela recibido. Así, prosegue, “ao estar na súa mesma área xeográfica, os axentes ata poden coñecer por experiencia propia os servizos dos que se lles fala ou dispoñer deles nos seus fogares, o que os converte en coñecedores reais, en usuarios ou mesmo en prescritores convencidos destes servizos”.
Asemade, engade a operadora facendo fincapé na galeguidade de todo o que rodea aos seus departamentos de comunicación cos usuarios, a solución tecnolóxica empregada para optimizar as plataformas do centro de atención ao cliente de R desenvolveuna tamén unha empresa galega, 2Mares, salientada tamén no seu momento con outro galardón de calidade por este sistema de atención en telecomunicacións.
Esta aposta da galega R, dende o seu nacemento, por desenvolver toda a súa actividade en Galicia, incluíndo os seus Centros de Atención ao Cliente, parte, segundo fontes da operadora “dunha idea de proxecto integral de aposta por Galicia a todos os niveis, que implica a confianza nesta terra para desenvolver de xeito excelente calquera iniciativa que se propoña”.

PUBLICIDADE