A galega Senseitrade lanza a súa primeira competición mensual de bolsa

luns, 9 de xaneiro do 2017 Redacción

David Conde e Juan Carlos Díaz, cofundadores de Senseitrade

A nova firma innovadora Senseitrade, acabada de emprazar na Tecnópole de Ourense, vén de achegar unha aplicación de seu que nos axuda a tirar proveito da inxente información de valor que se publica nas redes sociais (o que se coñece como Big Data social) para tomarmos as mellores decisións en materia de investimento en bolsa. Ao abeiro desta aplicación e para dala a coñecer como se merece, Senseitrade lanzou este luns o que sería o seu primeiro torneo de bolsa, unha competición de periodicidade mensual que ten como acubillo e espazo de desenvolvemento a propia ferramenta web. Esta, sinalan os responsábeis da firma, ten a capacidade de recomendar os valores nos que convén investir utilizando a información que flúe nas redes sociais en tempo real.
Senseitrade, como lembraremos, é gañadora do certame de aceleración de empresas Vía Galicia na súa edición de 2015. No seu haber figura a devandita app (tamén chamada) Senseitrade, dispoñíbel para iOS e para Android, desenvolvida co obxectivo de tirar proveito das comunidades 2.0, en especial Twitter, como emprazamentos de información onde se deciden boa parte dos camiños que vai seguir a bolsa
Hoxe luns a empresa lanza o seu I Torneo Mensual de Bolsa a través da súa aplicación. Segundo explica a Tecnópole acerca do seu funcionamento, o usuario que máis diñeiro virtual logre amorear operando coa aplicación, levará un iPad mini. “Este será o primeiro dunha serie de desafíos que lanzaremos ao longo do ano 2017 para que os usuarios poidan gañar premios mentres aprenden a investir en bolsa”, anuncian os impulsores de Senseitrade.
Segundo engade a Tecnópole, o xermolo desta iniciativa empresarial partiu dun estudo da Universidade de Múnic no que, tras avaliar polo miúdo máis de 250.000 chíos sobre bolsa, concluíuse que é posíbel predicir a súa evolución cun 87% de acerto. A partir da análise das redes sociais, Senseitrade ofrece unha serie de funcionalidades para que “calquera persoa poida acceder ao investimento en bolsa sen ser un experto”. A maiores, os impulsores da iniciativa quixeron fornecer aos usuarios dunha ferramenta que “non só fose interesante para investidores que están a encetar a súa carreira profesional, senón tamén para traders máis profesionais que utilizan outras ferramentas de análise de bolsa pero que queren confirmar as súas previsións con información do que se está comentando nas redes sociais”.

PUBLICIDADE