A galega Sila Games crea unha tenda en realidade virtual para mercar videoxogos
luns, 23 de maio do 2016
Sila
Games, unha plataforma
viguesa de distribución de xogos (principalmente para PC, Mac e
Linux) e conformada por unha web e programas nativos en PC e Mac (en
futuro desenvolvemento), vén
de anunciar que achegará a posibilidade (segundo fai saber “por
primeira vez no mundo”) de que os xogadores de calquera parte do
planeta poidan mercar videoxogos dende a realidade virtual na súa
tenda Sila VR Store. A idea desta tenda, é ter a experiencia de
estar nunha tenda física, pero dentro da realidade virtual.
Como
lembraremos Sila Games vende videoxogos para PC e Mac dalgúns dos
desenvolvedores máis importantes do mundo (como
SEGA, Deep Silver, Paradox, 2K, Bethesda, Bandai Namco, Ubisoft entre
outros) e dispón dun catálogo total de máis de 2.000 produtos. O
público está encamiñado ao sector dos chamados "hardcore
gamers"; principalmente situado en EEUU, Canadá, Corea do Sur,
España, Alemaña ou Australia. Asemade, Sila Games está a
desenvolver unha subscrición mensual e unha tarifa plana para
os xogadores.
Para
acceder á devandita tenda de realidade virtual de Sila Games cómpre
descargar a aplicación dende a web
de Sila VR Store, desde alí terase acceso a Samsung Gear VR e en
datas vindeiras a Oculus Rift
e Vive.
Unha
vez na tenda, poderase ir directamente aos andeis e seleccionar un
xogo: nun lado da tenda está o catálogo xeral e no outro están as
ofertas,
cada andel ten un Publisher
ou empresa que desenvolve videoxogos. Cada un destes Publisher
conta cun amplo catálogo de xogos recoñecidos e vendidos en todo o
mundo. Diante de calquera andel, poderase elixir a portada do xogo,
esta moverase cara adiante, amosando a descrición e o valor. Para
completar o proceso, hai que premer no botón de enviar e-mail e
axiña chega unha notificación ao enderezo electrónico co xogo
seleccionado e unha ligazón que encamiñará á web
de Sila Store onde se poderá mercar.
Para
o 2016 venderanse uns 15 millóns de lentes en todo o mundo, 9
millóns delas mercaranas os gamers.
A estimación de compra de contidos en realidade virtual para 2018
será de 28 millóns de dólares (datos obtidos de www.statista.com).
