A galega Telecon presenta unha tecnoloxía para reducir o gasto enerxético nun 20% (e máis)

martes, 26 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A compañía galega Telecon vén de desenvolver un sistema de xestión intelixente para facernos máis doado o camiño da rendibilidade, da eficiencia e, claro está, do aforro enerxético e do respecto polo medio ambiente. Trátase de Ecohub, unha tecnoloxía que, en termos concretos que nos axuden a entender o seu radio de alcance, permitiríanos rebaixar a nosa factura da luz até nun 20%. Ecohub, que tamén é marca distintiva de mercado, é aplicábel igualmente a outros subministros para o fogar ou a empresa, como a auga ou o gas. Basicamente, o que fai é identificar e corrixir ineficacias; recibir alertas de incidencias e documentar o gasto real para comparalo coa factura que envía a compañía que achega servizo. Estas son algunhas das vantaxes que o sistema Ecohub ofrece a empresas, organismos públicos e edificios. E todo isto, sinala Telecon, en beneficio de algo que nos interesa a todos, e máis nestes tempos de menores orzamentos, de estreiteces económicas e, cómpre non esquecelo, de fraxilidade medioambiental (o factor ecolóxico, que cada vez nos preocupa máis, e está ben que así sexa). Falamos do aforro enerxético.
Segundo informa Telecon, só cunha primeira corrección de problemas e unha optimización do funcionamento dos equipamentos, é perfectamente posíbel chegarmos ao 20% de redución na factura.
Como funciona?
A plataforma inclúe unha serie de sondas e analizadores que recollen información sobre o consumo das diferentes instalacións (iluminación, climatización, proceso de datos) e avalían os parámetros e circunstancias da súa actividade (horarios, estacionalidade, presenza ou ausencia de traballadores ou visitantes nas instalacións). Os datos recollidos son enviados a un concentrador que, á súa vez, subminístraos ao servidor da Plataforma de Xestión Enerxética Centralizada de Ecohub. Este software, informa a empresa galega, “procesa a información e presenta os informes correspondentes a través dun cadro de mando personalizábel ao que os responsables da empresa poden acceder en todo momento desde calquera dispositivo con conexión a Internet”. O sistema tamén xera alertas cando se produce algunha incidencia fóra dos parámetros considerados normais, e permite realizar unha comparación automática da factura do subministrador para ver se se axusta ao consumo real.
Jacobo Penide, socio e director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon, define a devandita plataforma como un xeito de axudarnos a chegar a onde en circunstancias normais non daríamos chegado: a medir fornecemento e consumo de luz, auga e gas para poder xestionalo de primeira man. A partir de aí, da xestión, permítenos tomar decisións para conter o gasto e optimizar a factura. “O noso sistema”, engade, “baséase na filosofía da mellora continua, tal e como a entende e promove a norma ISO 50001; pero o que realmente fai diferente a Ecohub é que integra medición, transmisión de datos e análises nunha plataforma de control dispoñible as 24 horas do día os 365 días do ano e accesible desde calquera lugar”. Pero, cales son os problemas ou eivas que detecta Ecohub nunha primeira xeira de traballo? Segundo fai saber Telecon, son do máis variado: emprego non axeitado da climatización, falta de control sobre o prendido ou apagado de luces ou maquinaria, fugas nas instalacións ou mesmo a contratación de potencias que son superiores ás requiridas. Un primeiro traballo sobre esta base permite aforros, como dixemos, do 20%, pero a taxa de redución pode subir de xeito doado. Isto é posíbel porque “os informes que xera Ecohub poden ser unha base sólida para renegociar a factura coa compañía subministradora ou para pór en marcha investimentos en equipos ou sistemas que melloren a eficiencia enerxética da compañía”. Por sectores de actividade, a plataforma ten potencial para cubrilos todos. Porén, tal e como nos comenta Penide, ten unha serie de características que a fan especialmente útil para áreas produtivas tradicionais da nosa terra, como a conserveira, o sector lácteo ou o vitivinícola. Todo isto por mor dos altos consumos de maquinaria de conservación e refrixeración. Con todo, tamén amosa potencialidades importantes para edificios de oficinas, centros cívicos, hospitais, residencias e outros edificios con consumos altos e nos que, “debido á trasfega de residentes ou pacientes, visitantes e traballadores, faise difícil controlar o gasto”.
Sinalar que arestora Telecon traballa na aplicación desta tecnoloxía en firmas dos sectores conserveiro, gran consumo e retail. "Estamos centrados no mercado doméstico, pero temos plans a medio prazo para a internacionalización de Ecohub", conclúe Penide.

PUBLICIDADE