A galeguización da vida virtual será un dos eixes do V Desafío Galego
mércores, 11 de marzo do 2026
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal de Ferrol presenta a quinta edición do Desafío Galego, que se vai celebrar do 16 ao 27 de marzo. O proxecto consolídase como un referente de innovación educativa onde se activa a competencia e a conciencia lingüística do alumnado.
Segundo explican no IES, a esencia pedagóxica do Desafío reside na creación dunha comunidade de aprendizaxe. Nesta edición, 96 alumnos de 2º de Bacharelato e 108 de 1º de Bacharelato (un total de 204 participantes) aceptaron de xeito voluntario un acordo lingüístico que os sitúa como axentes activos a prol do galego. Onde días onde levaren á práctica o desexo de lingua, que no fondo tamén é un desexo de xustiza, de beleza e de reparación.
Engaden que a innovación do proxecto susténtase en tres alicerces fundamentais:
-Creación dun espazo seguro. O obxectivo é soster durante once días unha contorna onde o uso do galego sexa natural e protexido entre os pares. É dicir, que ninguén se sinta cuestionado por falar galego.
-Aprendizaxe por obxectivos progresivos. O deseño pedagóxico utiliza un cronograma de expansión que permite ao alumnado adestrar o seu hábito lingüístico de xeito graduado: comezo cos participantes e nas redes sociais (día 16), extensión á aula e ao instituto (día 17), inclusión da familia e actividades extraescolares (día 18) e apertura ás amizades externas (día 19) e compromiso total ata a fin do proxecto.
-Alfabetización dixital: O desafío impulsa a saír dos libros de texto para galeguizar a vida virtual en plataformas como WhatsApp, Instagram, TikTok e Twitter, promovendo o consumo de contidos culturais en portais como GZ Música ou Youtubeiras.
Referentes culturais: De Ninghures
Para conectar a lingua coa realidade xuvenil, esta edición conta co apadriñamento da banda De Ninghures. O grupo, arquitecto dunha "foliada moderna" que fusiona a música de raíz co rock e o pop alternativo, visitará o centro o martes 17 de marzo (16:50h). No acto explicara a riqueza da escena musical en galego e fará unha pequena actuación.
Explican dende o IES Concepción Arenal que a escolla desta banda non “é casual”. O seu éxito estatal (con xiras en Madrid, Barcelona e Bilbao) e recoñecementos como o Premio Ari(t)mar 2023 ou os Premios da Industria Musical de Galicia serven como exemplo de que “a cultura en galego posúe unha forza universal e contemporánea”, indican.
Memoria histórica e proxección de futuro
O proxecto tamén integra a formación humanística ao se celebrar o Ano Castelao en 2025. O alumnado traballará sobre o legado do intelectual rianxeiro. Como culminación desta experiencia de inmersión, o venres 27 de marzo realizarase unha excursión a Compostela para visitar o Museo da Catedral e a Cidade da Cultura.
O Equipo de Dinamización convida a toda a sociedade de Ferrol a apoiar o esforzo destes 200 mozos e mozas, converténdose tamén en cómplices desta mudanza lingüística.
