A linguaxe BASIC cumpre 50 anos

venres, 2 de maio do 2014 Marcus Fernández

O BASIC de Microsoft viña integrado nos ordenadores MSX

Na xornada de onte celebrouse o 50º aniversario do nacemento do BASIC, unha linguaxe de programación deseñada por John G. Kemeny e Thomas E. Kurtz que revolucionou o sector da informática pola súa facilidade de uso e interactividade (de feito o seu nome é un acrónimo que significa código de instrucións simbólicas de propósito xeral para principiantes), colocando a programación ao alcance da man, especialmente nos anos 80, cando os ordenadores persoais incluían un intérprete de BASIC.
Entre as compañías que popularizaran as súas versións de BASIC destacaba inicialmente Micro-Soft, que tiña o seu intérprete para ordenadores Altair, para que máis adiante dese pé ás versións de BASIC para ordenadores de Commodore de 8 bits, o célebre MSX BASIC e incluso o Applesoft BASIC (para a familia de ordenadores Apple II), así como versións para ordenadores PC compatibles. Pese a ser unha linguaxe moi limitada, a súa simplicidade e sona fixo que a primeiros dos anos 90 emerxese unha versión gráfica, o Microsoft Visual Basic e incluso o Microsoft Office incorporou un dialecto de Visual Basic (VBA) como linguaxe para programar macros, de xeito que o que poderiamos considerar como unha linguaxe menor, conseguiu manter a súa vixencia ata hoxe en día, xa que o Visual Basic .NET é unha das linguaxes máis empregadas dentro da plataforma .NET de Microsoft.