A maior parte do investimento TIC provén das propias empresas do sector

martes, 20 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Vaias a onde vaias, a focha produtiva déixase notar: dende as máis altas esferas da maquinaria produtiva ata o negocio máis próximo e miúdo. A frase repítese e é como se saíse da nosa boca: a cousa está moi mal. Tendo en conta isto, é inevitable que nos preguntemos de onde sacan algúns sectores o alento para seguiren adiante? Un exemplo disto é o que acontece co sector das novas tecnoloxías, que, malia verse afectado, segue adiante con previsión de crecemento e de futuro. O investimento en novas tecnoloxías mantense grazas a unha serie de cousas a ter en conta: a importancia da rede e os beneficios das novas ferramentas no día a día das empresas. A pregunta é de onde sae ese capital para realizar os ditos investimentos?
A raíz dos datos recentes presentados sobre o estado de cousas actual das TIC e das empresas españolas que veñen da man de AMETIC, a asociación española do sector, en compaña de Everis, o diñeiro para cubrir os investimentos provén sobre todo das propias compañías do sector, nin máis nin menos. Así, a fórmula do autofinanciamento é a máis empregada de tódalas fórmulas no 82,8% das empresas do territorio estatal, taxa que chega ao 86,4% cando se trata de compañías de máis de 250 traballadores. A segunda fonte de achegas son os préstamos bancarios, a moita distancia do devandito, cousa que se explica pola actitude cada vez máis pechada das entidades financeiras de cara a impulsar e apoiar o tecido produtivo do que, por certo, non paran de nutrirse. Isto reflíctese ben no caso dos apoios que lle subministran ás empresas grandes, que son as que máis confianza lles inspiran para emitir os seus préstamos. Os apoios por esta vía, neste eido empresarial, representan o 23,4%. Os investimentos de organismos públicos representan o 7,3% do total, e as axudas a fondo perdido o 4,6%.