A misión Gaia, recoñecida en EE UU por ter creado o mapa máis preciso e completo da Vía Láctea

luns, 21 de novembro do 2022 S. P.

A misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europa recibirá o vindeiro mes de xaneiro o Premio Lancelot M. Berkeley, recoñecemento no eido da astrofísica que outorga a Sociedade Astronómica Estadounidense (AAS). O labor de Gaia, liderada en Galicia por dous investigadores do CITIC da UDC, foi distinguido por “facer posíbel a creación do mapa multidimensional máis revolucionario, preciso e completo da Vía Láctea”. Segundo engade a AAS, “as publicacións de datos de Gaia consideraranse durante moito tempo eventos importantes na historia da astronomía, por permitir a creación dunha asociación mundial para comprender mellor a orixe, a estrutura e o destino da nosa galaxia".
De feito, desde o seu lanzamento en 2013, o telescopio espacial Gaia detectou posicións estelares, distancias, cores e movementos propios de case dous mil millóns de estrelas na nosa galaxia, que foron recollidos en tres publicacións, estando pendente a difusión do volume do cuarto arquivo de Gaia (DR4), que será unhas 50 veces maior có publicado o pasado mes de xuño e “achegará unha versión tremendamente mellorada destes parámetros estelares”. Así se puxo de relevo na reunión plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) do consorcio europeo DPAC para o procesado de datos da misión espacial Gaia celebrada o pasado mes de outubro no CITIC da Universidade da Coruña coa participación de 40 investigadores de 20 entidades europeas.
Novas fronteiras do coñecemento
Precisamente, dous investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (CITIC), a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro de datos Carlos Dafonte, lideran a participación galega en Gaia. Para este grupo do CITIC da UDC “participar na elaboración de técnicas para a análise dos datos de Gaia, na interpretación astrofísica da información contida nos datos e na validación dos arquivos publicados polo consorcio internacional DPAC foi un reto continuo desde que no ano 2006 integrámonos no equipo da misión”, explican. “Desde o punto de vista científico, Gaia permitiunos consolidar un equipo multidisciplinar, composto por físicos e enxeñeiros informáticos, que actualmente traballan cunha linguaxe común. A interacción con outros grupos de investigación estranxeiros propiciou que os nosos mozos investigadores teñan unha formación altamente internacionalizada e que publiquen en revistas de alto impacto, o que repercutiu positivamente na súa posibilidade de consolidación como investigadores na universidade ou na empresa, temos exemplos de ambos os tipos de carreiras”, engaden os investigadores do CITIC.
Para Minia Manteiga e Carlos Dafonte “Gaia é un fito na Astrofísica do século XXI. O seu último arquivo de datos (DR3) marca un antes e un despois en astronomía galáctica, xa que proporciona información precisa sobre posicións e velocidades en 3D da Vía Láctea para case dous mil millóns de estrelas”. Esta información, unida á análise da luz emitida polas estrelas, “permite inferir de forma conxunta e coherente as propiedades das estrelas, parámetros como temperaturas e brillos, masas e idades, contido en elementos químicos, características das súas órbitas”, explican os dous investigadores, engadindo que este traballo “abre moitas fronteiras do coñecemento a novos achados”, e está a influír de forma moi relevante en practicamente todas as áreas da Astrofísica. “A comunidade astronómica estadounidense non é allea a este dato, motivo polo cal ofreceron a consorcio DPAC de investigadores europeos este recoñecemento”, conclúen Manteiga e Dafonte.
O premio Lancelot M Berkeley – New York Community Trust Prize for Meritorius Work in Astronomy, outorgado pola American Astronomical Society (AAS) co apoio do New York Community Trust inclúe unha dotación económica e un convite a dar a conferencia plenaria de clausura na reunión de inverno da AAS. Este ano o encontro terá lugar en Seattle, Washington, do 8 ao 12 de xaneiro de 2023, que nesta ocasión Anthony Brown, project scientist do consorcio Gaia DPAC, será o encargado de impartir a devandita conferencia.
Protagonismo coruñés
A misión espacial Gaia é actualmente a misión científica máis exitosa da Axencia Espacial Europea e está a supor un salto xigantesco na comprensión da estrutura e a formación da nosa galaxia, a Vía Láctea, así como noutros moitos eidos da astrofísica. O grupo CU8 que no que participa o CITIC, é o responsábel de determinar as características físicas das estrelas, temperatura, composición, tamaño e masa, entre outros.
Os catálogos de datos de Gaia publicados ata o momento son un gran éxito para a Axencia Espacial Europea e o consorcio europeo responsable do procesado de datos. Este consorcio (DPAC) está formado por 450 científicos e enxeñeiros de máis de 20 países e máis de 100 universidades e institutos europeos. Entre eles atópanse a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos os investigadores do CITIC da UDC, quen lideran a participación galega neste proxecto. Concretamente, traballan nas unidades 8 e 9 de Gaia, coa creación de técnicas e ferramentas para a verificación dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión, así como no desenvolvemento de técnicas automatizadas para clasificar as fontes que observa o satélite, tanto estrelas como obxectos extra galácticos.
O número de traballos científicos baseados nos datos de Gaia publicados anualmente supera ao telescopio Hubble, ata o de agora o que maior produción científica xerara.

PUBLICIDADE