A nosa terra acolle o vindeiro 19 de abril a súa primeira conferencia específica sobre comercio electrónico

venres, 30 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Coa crise facéndose cada vez máis crúa e ante a constatación da improdutividade dunha chea de actividades e metodoloxías tradicionais de negocio, é máis necesario ca nunca compartir experiencias e traballarmos xuntos para atopar novos horizontes. Dáse a circunstancia de que moitos destes horizontes teñen feitura virtual, ou están mesturados cos novos escenarios e ferramentas dixitais. En definitiva, hai gran potencialidade nunha cousa que temos ao alcance da man, e nunca mellor dito: a Rede. Buscar xeitos de amosar esa potencialidade e tirar proveito dela, facendo especial fincapé no mercado dixital, é o gran obxectivo da Conferencia de Comercio Electrónico CONECOM, que se celebra o 19 de abril en Santiago da man de DobleClic.
A xuntanza, segundo nos conta o seu promotor Xosé Rivera, desenvolverase no Pazo de Congresos de Compostela, co apoio do Concello, a Cámara de Comercio e máis a Xunta de Galicia. CONECOM, case con toda probabilidade a primeira conferencia específica sobre comercio dixital que abrolla da nosa terra, apóiase nunha serie de piares a ter en conta: a difusión das vantaxes de facermos mercado nas novas canles, a reflexión sobre como estas poden fortalecer a nosa competitividade, o aproveitamento do galego como distintivo e vantaxe comunicativa (cómpre pensar nas posibilidades de comunicación que nos abre con Brasil, hoxe en día unha das primeiras potenciais mundiais), e máis a busca da meirande participación posible, a nivel innovador, de tódolos nosos sectores. Dende a artesanía e a agricultura ata a cultura galega, pasando pola industria en xeral. Todos estes eidos de actividade, lémbranos Xosé Rivera, amosan un gran potencial de comercialización, pero en moitos casos non atopan as ferramentas nin as iniciativas como para saber materializalo. Con esta proposta, a conferencia CONECOM, quérense romper barreiras e instruír aos emprendedores e aos pequenos e medianos empresarios nas máis innovadoras metodoloxías de mercado dixital. O evento contará coa presenza do devandito Xosé Rivera, deseñador dixital con experiencia en empresas como Fynet, Simplifica ou DobleClic (que arestora coordina); Álvaro Gómez, programador con traxectoria en importantes proxectos galegos como Acordar, Vieiros, Simplifica ou A Navalla Suíza; Manuel Pan, responsable de Abertal e de múltiples iniciativas galegas de consultoría TIC, turismo e comercialización na Rede; Fran Suárez, enxeñeiro técnico en Informática e xefe de Proxectos de Pululart; e Luís Míguez, un dos nosos profesionais máis experimentados nas vantaxes do comercio electrónico e impulsor de proxectos como www.24joyas.com e www.12horas.es.
Volvendo a CONECOM, dicir que as inscricións serán de balde e realizaranse de maneira telemática dende a páxina web do evento. Calquera empresa ou institución que queira participar con unha boa idea ou colaborando economicamente na promoción da xornada pode poñerse en contacto coa organización da xornada a través da seguinte conta de correo: info@conecom.es.