A nova báscula de Withings monitoriza a nosa saúde arterial

mércores, 8 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Withings, compañía que está en vías de ser absorbida por Nokia, continúa o seu camiño innovador nos dispositivos de electrónica de consumo destinados a favorecer un estilo de vida saudable, e actualiza a súa báscula con conectividade sen fíos integrándolle tecnoloxía de monitorización cardiovascular, co que convértese nunha ferramenta cada vez máis práctica para realizar un seguimento da nosa condición física.
A nova báscula de Withings leva por nome Body Cardio e facilita unha medida precisa do noso peso, do noso índice de graxa corporal, da porcentaxe de auga que temos no corpo, da masa muscular e da masa ósea, como fan outras básculas actualmente, pero incluíndo agora como innovación un sistema de medición cardíaca chamado Pulse Wave Velocity, co que busca axudar a ter unha mellor perspectiva da saúde cardiovascular xeral (instando así a facer máis exercicio ou ter unha dieta máis saudable).
Como os anteriores modelos de báscula de Withings, este produto conta con conectividade Wi-Fi e Bluetooth, o que facilita a sincronización dos datos rexistrados pola báscula nunha aplicación móbil dende a que realizar un seguimento constante da nosa condición física. O produto está á venda por 179,95 euros en cor branca ou negra.

Vídeo promocional da báscula Body Cardio de Withings

PUBLICIDADE