A partir do 6 de decembro xa se poden reservar os dominios .xxx
mércores, 30 de novembro do 2011
A empresa Nominalia, especializada
na xestión de servizos na Rede e acreditada polo ICANN, vén de anunciar nun
comunicado que a partir do 6 de decembro porá a disposición dos internautas a
reserva e rexistro dos dominios .xxx, destinados á parte da comunidade de
lecer para adultos que queira manter a súa identidade en liña no anonimato. Cómpre
sinalar que a achega destes dominios foi aprobada o pasado mes de marzo polo ICANN (entidade internacional que organiza a
concesión de aqueles) como dominio de primeiro nivel (TLD) para identificar as
páxinas web de natureza pornográfica.
A idea baseábase en achegarlles seguridade a tódolos
implicados: a quen fornece os contidos (que pode protexer a súa intimidade) e a
quen accede a eles (que ten máis garantías á hora de identificalos). De feito,
ata o de agora non se contaba cunha extensión específica que puidera asociar
este tipo de webs. Seguindo este fío, Nominalia anunciou xa que achegará a
reserva e dominio destes produtos para “evitar
usurpacións de identidade seguindo a súa política de protección de marca coa
que a firma quere protexer os dominios dos seus clientes”. A empresa tamén
quere evitar, á vista do medre do mercado de extensións, “ que os internautas fiquen desprotexidos fronte a falsas identidades e
coas súas marcas asociadas a dominios da industria do lecer adulto”.
