A plataforma Descúbreas lanza a súa terceira edición
luns, 13 de febreiro do 2023
A
Deputación de Pontevedra, en colaboración con Regalamúsica,
preparou unha nova edición do programa Descúbreas,
a plataforma tecnolóxica para fomentar o talento feminino ma
industria musical. O
tiro de saída da nova convocatoria será este próximo mércores ás
20.00 horas, cando a Deputación celebre na sede de Vigo da
institución provincial “un grande evento de apertura en formato
gala-concerto”. A gala estará conducida por dúas das rapazas
mentorizadas nas anteriores edicións: Xía Rodríguez e Alba
Nogueira (A Riso), ambas as dúas tamén estudantes da ESAD de Vigo,
que na cita terán ocasión de presentar as súas recentes creacións
musicais.
Actuarán,
ademais, cunha das grandes novidades deste ano: unha banda de apoio
formada por músicas profesionais que acompañarán as mentorizadas
nas súas actuacións. O mércores contarán co apoio de Ana Lucía,
baixista de Agoraphobia; a guitarrista Laura Solla, a pianista Lidia
Aldao e a batería Marina Acuña.
Ademais,
no transcurso da gala proxectaranse vídeos nos que se presentarán a
evolución e fitos acadados nas dúas anteriores edicións do
programa, as novidades deste ano, o lanzamento da 3ª convocatoria de
mentorías, as actividades que se celebrarán ao longo deste ano, a
banda de apoio e unha xornada de networking con profesionais
do sector.
Novidades
Alén
da banda de apoio, Descúbreas “vén cargada de máis
novidades nesta 3ª edición”, informou a institución provincial,
engadindo que a axenda inclúe un Universo laboral, xornada
de networking con empresas, profesionais e artistas do sector,
e tamén promocionarase en feiras e foros a nivel estatal e
internacional, crearanse vídeos-resumo en inglés para ampliar a sua
proxección mundial e tamén incluirase un novo contido específico
no seu boletín en liña semanas e nas redes sociais: Domingo con
elas. Trátase dunha nova sección que cada domingo ofrecerá
información sobre un contido musical ou transversal de artes e
disciplinas como a escrita, o cine ou a fotografía, para dar a
coñecer documentais, libros ou exposicións relacionadas con
mulleres da industria musical.
O
programa de mentoría é un dos eixos centrais de Descúbreas.
Este ano serán de novo outras 8 nenas e mozas da provincia quen
poderán iniciar os seus pasos profesionais na música, da man de
mulleres referentes do sector en Galicia. As bases publicaranse esta
semana no BOPPO e poderán solicitalas mulleres de entre 16 e 35
anos, ampliando a idade máxima de participación, que o ano pasado
se establecía en 30 anos. Durante as sesións recibirán formación
musical transversal, obradoiros e charlas impartidas por
profesionais, e gravarán cadanseu tema e vídeo-clip que tamén
serán lanzados nas principais plataformas de streaming e
venda en liña.
Nesta
edición de Descúbreas tamén se seguirán gravando
vídeo-entrevistas a artistas sobre a situación das mulleres na
música, vídeo-titoriais, distribuirase a newsletter
semanal, ampliarase o directorio de mulleres profesionais,
realizarase un novo vídeo colaborativo coas escolas de música da
provincia (coas que se seguirán tecendo redes activas para construír
un grupo activo inmerso na cultura feminista), prestarase o servizo
de consultoría en liña para dar resposta ás inquedanzas das
estudantes de música e, ademais, redeseñaranse e actualizaranse
todos os contidos da plataforma web, na que tamén se difunden as
principais novas e eventos de música en feminino.
