A retransmisión de asasinatos en directo comeza a ser un serio problema para Facebook

xoves, 27 de abril do 2017 Marcus Fernández

A nai da criatura puido ver o asasinato en directo a través de Facebook

Por se Facebook non tiña dabondo con que un asasino desatase o terror en Cleveland valéndose de vídeos compartidos a través da plataforma social de Mark Zuckerberg, agora temos un caso moito peor en Tailandia, onde un home retransmitiu a través de Facebook Live o asasinato da súa filla de 11 meses, tras o que suicidouse. Un total de dous vídeos completaban os feitos, e desta volta a reacción de Facebook foi totalmente desastrosa, xa que tardaron unhas 24 horas antes de borrar os vídeos que acumulaban 112.000 e 258.000 reproducións respectivamente, polo que é de esperar que o número de queixas presentadas ante Facebook fose tan elevado que resulta inescusable a lenta reacción, que non se produciu até que as propias autoridades gobernamentais (a través do Ministerio de Economía Dixital) se puxeron en contacto con Facebook.
Resulta difícil de entender como Facebook reacciona con axilidade ante vídeos que inclúe música con copyright ou pornografía, pero coa violencia extrema non é capaz de atopar mecanismos que, como mínimo, manteñan a súa plataforma libre de vídeos con asasinatos e agresións brutais sobre as que non cabe dúbida sobre o seu incumprimento das normas de uso de Facebook e o propio feito de que a Internet poida empregarse para a súa divulgación pode ser un catalizador para os feitos filmados.

PUBLICIDADE