A segunda WordCamp Pontevedra celebrará a universalidade e a accesibilidade de WordPress
luns, 16 de setembro do 2019
Estes
21 e 22 de setembro vaise falar no Campus de Pontevedra como
acubillos web accesíbeis e dispoñíbeis para todo o mundo: de
información universal e internautas universais e de como tirar
abaixo atrancos entre uns e outros coa axuda do xestor WordPress.
Todo isto vén a conto porque a Facultade de Ciencias Sociais e da
Comunicación vai acoller nas devanditas xornadas a segunda edición
da WordCamp
Pontevedra, no que van participar arredor de trinta expertas e
expertos en diferentes aspectos vinculados co desenvolvemento web. En
total, haberá 28 coloquios. O evento (o único WordCamp da nosa
terra) porá o foco no WordPress e nas súas posibilidades.
Organizado
por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra, co apoio da
organización internacional WordPress Foundation, o foro ampliou este
ano a súa capacidade aos 275 asistentes. Así mesmo, ao abeiro do
convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a WordPress
Foundation, resérvanse 55 entradas a un prezo reducido de 10 euros
para as e os integrantes da comunidade universitaria.
A
WordCamp verase precedida, na xornada do venres 20, polo coloquio
Emprende con WordPress, inserido na programación do Pont-Up
Store, o encontro de emprendemento que a Universidade promove, no
marco do Campus Crea, entre o 19 e o 21 de setembro.
Xa o
sábado, CCSS e da Comunicación acollerá ao longo da xornada unha
serie de coloquios que, como explica Juan Hernando, presidente da
comunidade WordPress Pontevedra, permitirán afondar de cheo neste
xestor de contidos “tanto desde o prisma do usuario como do
desenvolvemento”. Ao abeiro do congreso combinaranse unha serie de
relatorios de 25 minutos cun bloque de charlas rápidas de 10
minutos, tanto de iniciación como de nivel medio e avanzado.
Nos
coloquios tocaranse temas como a mercadotecnia en liña, a
visualización en buscadores, a Internet das Cousas (IoT), a
elaboración de blogs e podcasts, o comercio
electrónico ou aspectos de deseño e lexislación.
Un
total de 16 expertos e 14 expertas, profesionais especializados,
foron seleccionados para dar forma ao programa deste evento. Entre
eles figuran, entre outros, Fernando Tellado, autor do blog en
castelán sobre WordPress máis visitado, e Ana Cirujano, únicos
representantes españois na WordCamp Europe 2019, que o pasado mes de
xuño reuniu máis de 3.000 persoas en Berlín. Un dos seus
organizadores, José Ramón Padrón, participará no evento de
Pontevedra, ao igual que o profesor da facultade Xabier Martínez
Rolán.
O
domingo 23 o evento completarase coa celebración do Día do
Contribuídor, no que as e os participantes aprenderán a
colaborar co proxecto de WordPress en labores de tradución, soporte,
deseño, mercadotecnia ou desenvolvemento.