A tecnoloxía 4G de Vodafone, a exame

martes, 17 de setembro do 2013 Redacción

Probando os novos recursos tecnolóxicos de Vodafone en Celularis.com

A espera de que podamos coller o noso smartphone dende as cidades galegas e tirarlle partido real á tecnoloxía 4G (o seu despregue por estas terras está en proceso na Coruña e Vigo), quixemos ver na Rede o que contan os demais. Dende o blog Xataka amosaron os días pasados as primeiras impresións do novo servizo de Vodafone ao remate dunha semana de probas avaliando o comportamento do mesmo. Javier Pastor, principal responsable deste exame, cualificou o proceso de moi interesante, en boa medida porque permitiu tirar do fío da reflexión e atopar as claves do que poderá ser a comunicación do futuro, unha comunicación que encherá baleiros e fornecerá moldes de contido: todos eses conceptos como Cidade Intelixente ou Fogar Dixital ou Computación na Nube cos que se nos van ríos de tinta pero que nos custa explicar con exemplos concretos do día a día de tódalas persoas. Para Pastor, o cambio que imprime a tecnoloxía 4G é brutal, amais de representar un chimpo dramático nas conexións de datos nos dispositivos móbiles.
E máis se temos en conta que o blogueiro en cuestión parte dunha situación ben diferente á que se nos ofrece agora: unha situación que nos remite aos primeiros anos de Internet en España nos que se fornecían módems de 56 kbps nas primeiras conexións de ADSL.
Segundo nos contan dende Xataka, tecnoloxías como 2G e 3G morden o po perante o que ofrece a 4G. Sobre todo porque a 3G, malia cumprir cun mínimo de requirimentos, non foi quen de pór en xogo a banda larga móbil que moitos usuarios arelaban. A banda larga de verdade chega finalmente coa 4G/LTE, coa operadora Vodafone adiantándose ás demais en materia de fornecemento de rede, un proceso que como dixemos nas páxinas anteriores aínda está en marcha e irá chegando paseniño ás principais cidades e logo ao resto de espazos urbanos da nosa xeografía.
Na Rede, tanto en Xataka como noutros espazos en liña onde xa se tivo o privilexio de probar estes recursos, o primeiro que chama a atención, en termos concretos, é a posibilidade de acadar velocidades de carga de datos 20, 30 ou 50 veces maiores cás que se tiñan gozado ata o de agora. E iso, claro está, sen chegar ao límite ofrecido, eses 150 Mbps en descarga e 50 Mbps en carga, uns parámetros que se ben locen moito, certamente só serán precisos (polo de agora) para quen demande unhas condicións axeitadas para o fluxo masivo de información. A mellora con respecto á tecnoloxía previa, sinalan, é certamente apreciable no día a día e non só para tarefas tan comúns como descargar o correo, navegar por Internet ou escoitar música en servizos de streaming, cousas para as que se obteñen garantías dun rendemento moito máis óptimo. Non, a diferenza básica é que agora tamén se pode obter bo rendemento para procesos como streaming de vídeo (vídeos en alta calidade a través do móbil e cunha oferta masiva), computación na nube e traballo a distancia, sincronización masiva de información (non será preciso agardar a estar no radio de alcance dunha rede Wi-Fi para fozar nas nosas contas das redes sociais e subir a elas, por exemplo, fotos de alta calidade) ou xogos en liña.
Todo isto, por certo, ten capacidade para permitirnos (nalgúns casos) desbotar recursos de tipo máis tradicional, como por exemplo o ADSL. De feito, para que precisarían moitos usuarios tecnoloxía ADSL se esta achega para o común deles entre 10 e 20 Mbps de baixada e a 4G, en circunstancias normais, triplica ou cuadriplica eses números? E xa non digamos os números de suba, que case os multiplica por dez.
Viaxando por outras webs e outras opinións tamén atopamos estes días a de Albert Cuesta (CanalPDA de El Economista), que xa tivo oportunidade de experimentar co novo servizo nunha das primeiras cidades que contou con estre privilexio, Barcelona. Fíxoo a través do seu MacBook, a unha velocidade de case 30 Mbps a través da rede móbil, con 1,32 de suba e un beneficio adicional de latencia mínima, de 44 milisegundos. Conclusión: a conexión móbil obtida resultou ser máis rápida có 82% de tódalas efectuadas dende España por calquera medio. O contraste entre tecnoloxía 4G e a achega previa, a 3G, tamén foi salientable. A través desta última, Cuesta acadou números ata 60 veces menores. “En calquera caso”, explica, “a experiencia de uso da conexión LTE é espectacular: o audio e o vídeo en streaming flúen comodamente e as páxinas web descárganse a toda velocidade”.
Polo que respecta ás probas e valoracións feitas en Madrid, Javier Lacort conta en Celularis.com que á espera de que cheguen os servizos de Orange e Yoigo, os exames foron feitos sobre a tecnoloxía que fornece Vodafone e, máis polo miúdo, sobre un LG Optimus G. Para comezar, infórmase de certas carencias na cobertura, pois non foi posible acadar as velocidades de descarga ofrecidas en zonas teoricamente de moi boa cobertura. “Iso si”, engaden, “as velocidades de subida son practicamente simétricas, a cal é a mellor nova, xa que semella que por fin os operadores comprenden a esencia do consumidor actual, que xa non só consume contidos, senón que tamén os crea, polo que precisa que a velocidade de subida de arquivos sexa decente”.
As velocidades acadadas, explican, oscilan moito e todas en exteriores, ao descuberto. “A cobertura en interiores é nula”, explican, “xa que aínda se depende da banda de 800 MHz, que será liberada o próximo mes de xaneiro”.