A tecnoloxía galega Tiivii dá o chimpo a México

venres, 28 de xuño do 2019 Redacción

A ferramenta galega Tiivii vén de dar o chimpo a México. Así nolo confirma a firma responsábel do seu desenvolvemento, Cinfo, que vén de pechar un acordo que lle permitirá afianzarse no país norteamericano con todas as posibilidades de crecemento e posibilidade de negocio que isto implica: México é un dos mercados de produción televisiva máis potentes do continente. O salto a través do Atlántico materializarase a través de dous dos deportes estrela dese país, o fútbol americano e o baloncesto. Neste punto, Tiivii entrará en xogo despregando a súa tecnoloxía intelixente de produción de vídeo na nube, en 90 estadios da liga Premier de fútbol americano e na liga ABE de baloncesto universitario.
Este é o resultado do acordo acadado por Cinfo coa canle AYM Sports, propietaria dos dereitos de retransmisión. Coa tecnoloxía da empresa galega, con sede no CITIC da Coruña, baseada en Intelixencia Artificial e analítica de vídeo, AYM Sports poderá gravar, realizar e emitir en tempo real e de forma remota todos os encontros deportivos de ambas as ligas a través da plataforma online internettvdeportes.com, e todo iso sen necesidade de desprazar equipos técnicos ao terreo de xogo.
Para a súa implantación, Cinfo despregará en diferentes puntos fixos dos recintos deportivos un sistema de múltiples cámaras robotizado con calidade Full HD. O sistema ofrecerá a AYM Sports a posibilidade de introducir banners, comentarista e dispor de ferramentas avanzadas como un marcador automático virtual. En conxunto, “optimizará o traballo dos equipos técnicos de AYM Sports e reducirá substancialmente os seus custos de produción”.
A instalación dos equipos farase de forma progresiva durante os vindeiros meses. Comezará no verán coa implantación en 32 recintos (21 polideportivos da liga ABE e 11 campos de fútbol americano) e continuará até completar os 90 estadios da liga Premier e a liga ABE.

PUBLICIDADE