Cinfo fai despegar Tiivii e leva a intelixencia artificial á cobertura do deporte

mércores, 20 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves toca falar en Santiago (hotel Palacio do Carme en Santiago) das cousas que van revolucionar o deporte e, tamén, o noso xeito de desfrutalo. Da man da Fundación Deporte Galego e das empresas R e Cinfo, desenvolverase entre as 9.30 horas e as 13.00 a xornada Tecnoloxía e Deporte, dirixida a “afondar nas claves da dixitalización e da innovación tecnolóxica en clubs e entidades deportivas da nosa terra”. Para que nos conte máis detalles sobre o evento pero tamén sobre a tecnoloxía que se vai presentar no mesmo, a tecnoloxía Tiivii, tivemos ocasión de falar con Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) de Cinfo. Segundo adianta, grazas a propostas como a de Tiivii, todo seareiro terá os seus contidos de calidade e todo deporte, a súa audiencia.
-Na presentación destas xornadas coméntase que se trata da primeira vez que en Galicia se aborda desta maneira tan específica e clara a cuestión das novas tecnoloxías e o deporte. Era este que vivimos o intre exacto para que as nosas empresas, entidades e profesionais xuntasen forzas arredor da confluencia destes dous ámbitos?
-Creo que tanto no caso das empresas e entidades convidadas coma no caso de R e Cinfo, está claro que si. Xa case ninguén dubida das vantaxes das novas ferramentas para as actividades deportivas, e do impulso que aquelas poden dar para que estas logren o recoñecemento e o desfrute que merecen, non só as que até o de agora tiñan máis visibilidade. No caso da tecnoloxía que imos presentar nos seus detalles, a tecnoloxía Tiivii, optamos por dala a coñecer deste xeito, nunha actividade específica, simple e sinxelamente porque xa está lista para chegar a onde queremos que chegue. Antes o produto non estaba ao cen por cen, e agora si. Isto afecta á propia tecnoloxía pero tamén ao soporte, o modelo e as súas posibilidades. É o intre exacto para explicarlle ao mercado todas as potencialidades que ten Tiivii: como funciona, como se adapta a diferentes contornas, como nos ofrece o que queiramos que nos ofreza, como se adapta a calquera tipo de club, actividade, ámbito deportivo ou eido comunicativo.
-Isto polo que respecta a Cinfo e R, pero temos entendido que a xornada ten outra vertente...
-Si, a xornada vén con dúas partes que se complementan: unha parte para falar de tecnoloxías e deporte e outra para poñer o foco no devandito sistema intelixente que poñen en xogo Cinfo (que é o fabricante) e a operadora R (que é a distribuidora). Tiñamos claro dende o principio que queríamos un evento atractivo e dinámico, de aí que convidásemos a outros participantes para que nos falasen dos seus desenvolvementos tecnolóxico-deportivos e das súas propostas.
-Imos ao miolo da cuestión: en que consiste Tiivii?
-Consiste nunha tecnoloxía de televisión intelixente que é quen de seguir a actividade deportiva e crear o directo de maneira automática, botando man de tecnoloxías de Intelixencia Artificial. Amais de posibilitar o seguimento integral e automático dun acontecemento, estas tecnoloxías, logo de ser instaladas en calquera recinto cultural e deportivo, tamén posibilitan a introdución de grafismos, estatísticas e locucións, enviando a saída a calquera destino de vídeo. Ademais, soportan emisións multicámara, realidade virtual e realización remota para produtoras deportivas ou de espectáculos.
-A nivel de optimización deportiva, o potencial semella grande...
-Si, porque nos dá marxe para gravar os partidos e adestramentos do noso equipo e analizalos despois en formato multicámara, ver as xogadas en 180º e medir distancias sobre o vídeo. As gravacións feitas dos adestramentos son a base para facer melloras. Teremos constancia total dos puntos fortes e febles do noso equipo.
-Para quen actúe de espectador, está ben claro que as ferramentas dixitais poden mellorar, e moito, o xeito de desfrutar dos acontecementos deportivos (a nosa forma de ver, entender, experimentar o deporte). Pero que vantaxes poñen en xogo para os clubs e as ligas, para as e os deportivas de a pé, a pé de terreo? Estas vantaxes tamén poden estar ao alcance dos pequenos clubs ou só serán, pola súa concepción, recursos ao alcance das grandes entidades?
-Están xa ao alcance de todo tipo de clubs, e mesmo de deportes que polas razóns que sexan non xuntan audiencias maioritarias. Tamén subministran importantes posibilidades para empresas do audiovisual ou dos acontecementos culturais en xeral. E, indo máis alá, para institucións públicas no seu camiño cara a transparencia e a participación. A nosa tecnoloxía permite que o espectáculo deportivo teña o lucimento que se merece, e que nos permita desfrutalo dende calquera recanto no que nos atopemos. Isto significa que a asistencia a estes eventos vai diminuír? Pois non, porque Tiivii ponnos ao alcance da man unha realidade desexada dende hai moito: a posibilidade de volver ver os nosos acontecementos preferidos, ben sexa porque nos gustaron especialmente, ben por motivos persoais ou sentimentais, ben porque estaban implicados neles familiares ou amigos, etc.
-Tiiviii xa ten algo de experiencia ás súas costas. A que tipo de empresas e iniciativas está chegando e de que maneira?
-Pois está chegando a clubs dunha manchea de Comunidades Autónomas, principalmente de balonmán, de baloncesto, de fútbol ou de rugby. Outro ámbito no que bate forte é tamén no eido da música, sobre todo no que respecta ás salas de concertos que proporcionan desta maneira tan innovadora os seus espectáculos. Ademais disto, Tiivii está a demostrar un moi interesante potencial en contornas de Cidades Intelixentes, vinculadas a grandes eventos públicos e infraestruturas onde conflúe un importante número de cámaras de seguimento. Tamén está a xerar actividade nos ámbitos dos concellos e doutras administracións, para dar conta dos seus plenos de goberno e xuntanzas.
-Podemos intuír como é o presente da relación entre as novas tecnoloxías e o deporte, pero o futuro escápasenos de medio a medio. Como cre vostede que será a nosa relación co deporte o día de mañá, tanto a nivel de espectadores como de protagonistas?
-A nosa relación co deporte estase a transformar radicalmente, de maneira paralela a outras moitas transformacións que a complementan. Estamos nun proceso de auxe das plataformas de TV en streaming, pero cómpre pensar que hai dous días, como quen di, aínda estabamos coas canles de televisión de sempre. Todo isto vai experimentar unha nova transformación, unha consolidación e un reagrupamento. Calquera audiencia, por pequena que sexa, terá a súa aplicación específica. Cada persoa ou colectivo miúdo poderá atopar o seu mundo. Moitas cousas que até o de agora non atopaban camiño concentraranse en aplicacións móbiles.
-Cre que as tecnoloxías intelixentes como as que pon en xogo Tiivii son o mellor que lle ten pasado ao deporte en anos? Significa isto máis pluralidade para o deporte, unha meirande atención ao diverso, o remate definitivo coa omnipresenza dos grandes clubs de fútbol acaparando contidos e atención excesiva?
-Esta novas tecnoloxías das que estamos a falar son unha axuda para que vexamos contido de nicho e para enriquecer o deporte, por suposto. A clave está en atopar que toda a información que se xera sexa subministrada ao espectador de maneira sinxela, e este é un dos puntos nos que máis estivemos a traballar dende Cinfo. As tecnoloxías non van impedir que o deporte se practique e se convoque, máis ben o contrario, vano enriquecer. Hai moitas actividades de lecer que non teñen xeito de saír e atopar audiencia, e agora, co abaratamento do streaming, da nube e das técnicas para realizar filmacións, si que teñen xeito de facelo.

PUBLICIDADE