A tenda virtual Lik-Sang pecha ante as presións exercidas por Sony

mércores, 25 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O retraso na comercialización de moitos dispositivos en Europa creou unha demanda que estaba a aproveitar a tenda Lik-Sang, que vendía consolas, accesorios e xogos dende Hong Kong, tendo moito éxito entre os compradores europeos, o que levou a Sony a demandalos, ante a posibilidade de que se produzan moitos pedidos da súa nova PS3 (como xa pasara coa PSP).
Sobra dicir que a legalidade da exportación dun produto antes do seu lanzamento no país de destino é algo de dubidosa legalidade, e parece que pouco vai durar, xa que dende Lik-Sang anunciaron non o cese da venda de produtos de Sony en Europa senón o peche da súa tenda, segundo comentan, por ter que facer fronte a moitas causas xudiciais presentadas por Sony, que xa se emprenderan coa PSP, e xa están a devolver os pagos de consolas PS3 que tiñan encargadas.
Dende Sony negan que o peche de Lik-Sang corresponda a que non poidan facer fronte a gastos xurídicos polas distintas demandas (xa que parece que nin sequera se defenderon nas distintas causas) pero tamén advirten que o negocio de Lik-Sang era prexudicial para os consumidores, xa que as PS3 importadas a Europa non aceptarían os xogos nin as películas que se comercializasen en Europa no futuro e tampouco contarían coa garantía nin o servizo técnico. Os responsables de Lik-Sang, pola súa banda, culpan a Sony pola súa política de comercialización global.