AJEVigo e Krasis organizan un curso sobre SQL

venres, 12 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Asociación de Novos Empresarios de Vigo, Krasis e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) veñen de unir forzas para achegar un curso presencial sobre Técnicas de optimización de consultas e recuperación de desastres con SQL Server, a xuízo dos organizadores desta actividade materia fundamental para tódolos profesionais da programación que teñen que traballar decote con esta ferramenta. Asemade, sinalan, o evento divulgativo sobre SQL Server ten especial interese para tódolos informáticos que precisen aplicar recursos de alta dispoñibilidade coas que facer fronte a calquera imprevisto cun rendemento óptimo.
Neste senso e tal e como se fai saber no epígrafe do curso, o que se pretende é aprender a traballar do mellor xeito posible con SQL.
A actividade contará coa presenza dun instrutor certificado por Microsoft. As xornadas celebraranse entre os días 22 e 26 de novembro en horario de 10.00 a 14.00 horas, nas dependencias do Club Financeiro de Vigo, e serán de balde para todo o alumnado que pertenza a empresas asociadas a AJE Vigo, entidade organizadora. Podemos ver xa información detalla das actividades na web específica de Krasis sobre SQL.

PUBLICIDADE