AMTEGA abre a inscrición de Tecnólog@ por un día e do Programa Mentoring FP
mércores, 8 de marzo do 2023
A
axencia AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia) puxo en marcha dúas das iniciativas do Plan DigiTalent 2030
para fomentar as vocacións tecnolóxicas. Por un banda, ábrese o
prazo de inscrición da oitava edición de Tecnólog@ por un día
e, por outra, lánzase a primeira edición do Programa Mentoring FP.
Ata
o 28 de marzo estará aberto o prazo de inscrición de Tecnólog@
por un día, impulsado pola Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co sector TIC, para
“ofrecer ao alumnado de Secundaria e Bacharelato a oportunidade de
visitar durante unha xornada o centro de traballo dalgunha das
empresas que colaboran coa iniciativa”.
Segundo
informa a axencia, este ano hai 57 prazas dispoñibles para visitar
durante os meses de abril e maio as instalacións das empresas
tecnolóxicas colaboradoras ou o Centro GaiásTech da AMTEGA. A
través de Tecnólog@ por un día rapaces e rapazas de 12 a 17
anos “poden achegaranse a proxectos reais das empresas
tecnolóxicas, entrar en contacto coas profesións dixitais e
resolver as súas inquedanzas sobre as profesións STEAM”, engade a
axencia autonómica.
O
formulario de inscrición está dispoñible no
espazo de Tecnólog@ por un día na web DigiTalent. Neste
espazo, ademais, docentes, alumnado e profesionais das entidades
colaboradoras poden atopar toda a documentación de referencia sobre
esta actividade para consulta e descarga, así como as instrucións
para participar e a listaxe de prazas ás que o alumnado poderá
optar segundo a súa preferencia, grupo de idade ou localización.
Tras
a finalización do período de inscrición, celebrarase un sorteo
público para a asignación das prazas e a listaxe de reservas. A
partir do 11 de abril, docentes e empresas recibirán no seu enderezo
electrónico as comunicacións co resultado do sorteo e os pasos a
seguir.
Desde
este momento, as empresas colaboradoras: Altia, Dos Espacios, DXC
Technology, NTT Data, Quobis, Televés, Vodafone e a propia AMTEGA,
comezarán a contactar co alumnado para fixar a data e o horario das
visitas nas que os rapaces e rapazas poderán participar en tarefas
propias da xornada laboral, como formar parte das reunións de
equipo, das comidas de traballo ou facer visitas aos clientes.
Programa
Mentoring FP
Ademais,
ata o 16 de marzo estará aberta a convocatoria de Mentoring FP
2022-2023, unha iniciativa froito da colaboración entre a
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e
Universidades e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia ao abeiro do programa Eduemprende e do Plan DigiTalent 2030.
O
obxectivo do Programa é “titorizar e acompañar ao alumando de
Formación Profesional dos ciclos de grao superior e de cursos de
especialización para identificar saídas profesionais adaptadas ao
perfil de cada estudante e o desenvolvemento da súa carreira
profesional, así como a posta en marcha dun proxecto emprendedor”.
O
programa conta con 18 prazas que permitirán ao alumnado participante
seguir un plan de mentoring personalizado e definido
polo persoal experto que asumirá o rol de mentor dos alumnos en cada
unha das grandes empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa:
Altia, DXC Technology, Inetum e NTT Data.
Todos
os detalles destas e doutras actuacións dirixidas á infancia e
adolescencia, así como as instrucións para participar atópanse
en constante actualización na web DigiTalent.
